Publicador de contidos

Publicador de contidos

O narco arousán Carlos Silla comparece por primeira vez ante a xustiza en España

O narco arousán Carlos Silla comparece por primeira vez ante a xustiza en España

Canda el comparecen en Pontevedra outros oito acusados de integrar unha organización criminal de tráfico de drogas que intentou introducir 3,2 toneladas de cocaína en Galicia nun veleiro durante o confinamento

O fiscal pide 18 anos de cárcere para Silla, patrón da embarcación, xa condenado en Portugal polo alixo de case 5 toneladas de cocaína, o maior da historia por medio deste transporte

Alixo a bordo do veleiro interceptado en Portugal Alixo a bordo do veleiro interceptado en Portugal
G24.gal 21/05/2023 21:35

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá desde este luns e durante toda a semana o xuízo contra nove acusados de conformar unha organización criminal de tráfico de drogas, que en 2020 tratou de introducir durante o confinamento polo menos 3,2 toneladas de cocaína en Galicia nun veleiro.

Sentará no banco tanto o xefe da banda, Carlos Silla,  para o que Fiscalía pide 18 anos de prisión e unha multa de 360 millóns de euros, como outros oito acusados, que se enfrontan a 13 anos e medio de cárcere e a multas de 300 millóns de euros pola "extraordinaria gravidade" dos seus delitos.

O Ministerio Público apunta, con todo, que "non foi posible identificar a todos os implicados" nesta organización criminal. O fiscal considera que todos os procesados participaron en diferente grao dunha organización criminal que preparou e organizou un desembarco de cocaína en Galicia en marzo de 2020, en pleno confinamento, empregando para iso un veleiro adaptado e varias lanchas rápidas, entre outros elementos.

O veleiro Benirrás, que figuraba como dado de alta desde decembro de 2020, apareceu fondeado fronte ás costas da Guarda despois de que os axentes da Udyco e a Edoa interceptaran as lanchas rápidas que se encargaban do desembarco de droga.

En total, os axentes estiman que no veleiro transportaban, cando menos, 3,2 toneladas de cocaína distribuídas en fardos, cun valor no mercado ilícito que superaría os 127 millóns de euros.

Tanto nas lanchas intervidas coma nos rexistros domiciliarios dos procesados en distintos puntos da xeografía española, os axentes incautáronse dunha importante cantidade de teléfonos móbiles, GPS, tarxetas SIM, discos duros ou vehículos, entre outros elementos relacionados co tráfico de drogas.

Portugal xa condenou o arousán Carlos Silla, considerado un dos grandes narcos de última xeración, a 14 anos de cadea, que cumpre na actualidade, polo alixo de 4.666 quilos de cocaína.

Está considerado o maior alixo de cocaína comisado a galegos nun barco de vela. Detivérono o 16 de outubro do 2021 a bordo do veleiro G-Siro, a unhas 200 millas do litoral luso e a sentenza considera que Silla era o responsable de organizar a viaxe.

O tribunal luso impuxo a mesma condena aos outros dous tripulantes que ían no veleiro.

Parte do alixo incautado en Galicia Parte do alixo incautado en Galicia
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade