Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Arenteiro perde en Avilés (1-0) e cae á zona de descenso

O Arenteiro perde en Avilés (1-0) e cae á zona de descenso

O partido decidiuno un gol solitario de Kevin Bautista no engadido da primeira parte

Os de Jesús Arribas acumulan sete xornadas sen gañar

Foto: @RealAvilesInd
G24.gal 02/11/2025 20:20

O Arenteiro perdeu en Avilés, nun partido decidido nunha acción illada, e no que non foi quen de empatar malia ao acoso final. COn esta derrota, os de Arribas acumulan sete xornadas sen gañar e caen aos postos de descenso.

O partido tivo alternativas desde o inicio, co Arenteiro gozando das mellores ocasións, mentres os locais se encomentaban ao FVS. A primeira foi un dobre remate dos ourensáns, por medio de Martín Ochoa e Julen Jon Guerrero que rexeitou Álvaro Fernández. Despois chegaron as revisións, con dous penaltis pedidos polo cadro asturiano, que o árbitro non concedeu. E, a seguir, chegaron as dúas máis claras do Arenteiro, con outro remate de Julen Jon, e un de Martín Ochoa que rexeitou a escadra local.

Sen embargo, o primeiro gol ía cazalo o Avilés, nunha gran xogada de Campabadal que asistiu a Bautista. O seu remate petou nun defensor e envelenouse, imposible para Diego García. A primeira parte remataba cun inxusto 1-0 a prol do Avilés.

Na continuación, o Arenteiro non foi quen de inquedar a Álvaro Fernández, e os cambios aínda lle restaron máis ritmo ao partido. Nun deles entrou Dani González, que gozou dunha gran ocasión, pero rematou un chisco cruzado. A réplica chegou axiña, cun remate de Quicala que paraba Diego e, xusto a seguir, Aguza volvía probar a Álvaro. O Avilés agardaba a súa, pero o Arenteiro provocaba a posición de fóra de xogo dos atacantes locais nas accións máis claras.

O gol podía caer para calquera lado, pero o Arenteiro intensificou a presión nos minutos finais. E no engadido chegaron varios balóns á área que non atoparon rematador, e un de Jordan que obrigou a Álvaro a facer un paradón para evitar o empate dos galegos. Ao final, 1-0, e o Arenteiro que segue sen gañar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade