O Arenteiro gaña o primeiro partido no Espiñedo contra Unionistas (1-0)
Decidiu un gol de Mingo, que volveu ver porta por segunda semana
No treito final o cadro galego foi quen de aguantar o asedio visitante
O Arenteiro sumou a primeira vitoria da temporada, e fíxoo onde se sinte máis cómodo, no seu campo de Espiñedo, diante dun Unionistas superado polos galegos.
Saíu o Arenteiro á busca da área rival, e protagonizou os primeiros achegamentos. O Unionistas achicaba como podía mentres intentaba situarse no campo. Malia a isto, o primeiro remate con perigo fíxose agardar ata o minuto 15, cando Jordan disparou cruzado desde a frontal asistido por Bastida. Dez minutos despois, boa ocasión para Richerte, pero o seu remate abaixo detívoo Unai Marino. Pero o Unionistas tamén avisaba, cun remate de Hugo de Bustos a boca de xerro que sacaba Diego García.
O balón ía de área a área neses minutos, sendo Richarte a mellor arma dos locais. Pero o marcador non se moveu ata o descanso. Si o fixo aos seis minutos da continuación, cando Mingo aproveitou un gran servizo de Richarte e marcou abaixo no man a man para adiantar aos ourensáns. Unionistas non acusou o golpe e seguiu achegándose con perigo. Unha cabezada ao primeiro pau á saída dun córner paseábase pola liña de gol de Diego García.
Os once minutos de tempo engadido convertéronse nun exercicio de supervivencia do conxunto galego, coa ocasión máis clara aos 99’, nun man a man de Pere Marco que sacou co pé Diego García para asegurar a vitoria. Primeiro triunfo do Arenteiro esta temporada, no seu fortín do Espñedo.