O Arenteiro empata co Zamora e achágase un punto máis á salvación
Os de Raúl Jardiel adiantáronse por medio de Jaume Cuéllar na primeira metade
Despois do empate tocou sufrir coa expulsión de Jordan
O Arenteiro suma 47 puntos, a seis do descenso
O Arenteiro acadou un empate no Espiñedo diante do Zamora, equipo que chegaba un punto por diante e viu freadas as súas aspiraci´çons de ascenso.
O Zamora entrou un chisco mellor no partido, e tivo a primeira ocasión. Sergio Nieto rematou un córner con moito perigo, pero estirouse Diego para manter o resultado inicial. Aos poucos foi medrando o conxunto ourensán, que estrelou dous balóns nos paus en so trs minutos. Primeiro foi Pascu, desde a liña de fondo, o que estrelou o remate. Despois, Jaume Cuéllar estivo a piques de sorprender a Sobrón desde a esquerda.
Logo dun remate cruzado de Tresaco que se foi por moi pouco, o Arenteiro plasmou o dominio no marcador. Foi nun envío longo para Pascu, que gañou as costas da defensa en posición dubidosa. O seu pase da morte empuxouno á rede Jaume Cuéllar. Aínda gozou dun par de ocasións máis o cadro de Jardiel, pero nin Pascu de falta nin David Ferreiro cun centro chut atoparon a porta.
Na segunda parte, o Zamora estirouse á busca do empate, e gozou dalgunhas ocasións. Avisou Roni, que entrara no campo pouco antes. Superou á defensa e plantouse diante de Diego, pero o porteiro gañoulle o duelo no man a man e rexeitou co pé. O Arenteiro agardaba pola súa ocasión á contra, pero finalmente chegou o empate. Foi nun bo centro desde a esquerda de Tresaco, que tocou José Carlos e cabeceou á rede, con algo de fortuna, Adrián Bolo. Puido devolverlla Iano Simao nun córner, pero topou con Sobrón.
E nos últimos minutos tocou sufrir, logo dun balón ás costas da defensa en que Jordan cometeu falta e viu o cartón vermello directo. Con dez, ao conxunto local tocoulle apertar os dentes, e acabou sumando un punto máis, que o deixa con 47 e, polo momento, seis puntos por riba do descenso.