O ano pasado houbo en España 769 agresións a médicos, 8 denunciáronse en Galicia
Representantes do colectivo acordaron fixar a data do 12 de marzo para lembrar cada ano a violencia que sofren os facultativos
Unha consulta das urxencias do HULA esnaquizada tras a agresión dun paciente ao que non lle prescribiron a medicación que el quería é a imaxe da presión á que están sometidos os sanitarios. É unha das oito denuncias que se presentaron en 2023 en Galicia por agresións a médicos.
A cifra é menor que a do ano anterior, o mesmo que a cifra de España. Pero os responsables do Observatorio de Violencia da organización médica colexial non cren que as cousas estean indo a mellor, e explican que segue habendo moitos casos que xamais se denuncian.
"As agresións físicas son menos, non chegan ao 20 %, pero as agresións verbais que pasan por ameazas, coaccións, insultos e vexacións persoais son a maioría. Por iso temos a idea de que hai un infradiagnóstico", di José Manuel Bendaña, o secretario do Colexio de Médicos de Ourense e membro do observatorio da OMC.
A maioría das agresións son en Atención Primaria e nos servizos de urxencias e atribúenas á crispación social e especialmente á desconformidade cos tempos de espera.
"Hai persoas que non teñen ese filtro de ir polo camiño que hai que ir, no sentido de reclamar onde hai que reclamar, e chegan ás mans porque estamos crispados todo o día. Sempre sofre a agresión a cara do sistema. Quen pon a cara é quen recibe a agresión", engade Bendaña.
Piden máis celeridade na resolución, porque hai moitos casos de reincidencia. E reclaman dos responsables sanitarios que atendan as demandas da sociedade e protexan os traballadores públicos.