O ano novo convida a renovar propósitos e fixar novas metas
Coidarse máis e compartir máis tempo coa familia e cos amigos son dous dos bos desexos recorrentes
Novo ano, novo ciclo. Coas luces de cores aínda brillando convencémonos de que o 1 de xaneiro se abre para nós un camiño cheo de oportunidades.
"É como un propósito global de ano novo que temos todos, de querer mellorar a nosa vida", comenta un mozo que aproveita o día solleiro para camiñar polo paseo marítimo da Coruña.
Renovamos obxectivos e fixamos metas, cargados de boas intencións.
"Eu teño obxectivos clásicos: aprender inglés e ir ao ximnasio".
"Adestrar e estar ben cos amigos e a familia".
"Saúde e harmonía familiar".
"Seguir vivindo como ata agora: con saúde amor e cartos no peto", desexan algunhas das persoas coas que conversamos.
Os propósitos que abrazan a saúde con exercicio, sen tabaco e cunha dieta equilibrada encabezan a lista de bos desexos de Aninovo.
De seguro que as altas nos ximnasios volverán disparase en xaneiro, aínda que, se facemos caso aos antecedentes, máis do 60% tirará a toalla o primeiro mes.
"A lista é longa, pero aos dous meses esquecemos os retos", adianta unha muller.
Recibiremos 2026 con expectativas e enerxía renovadas pero cómpre sermos realistas e fixármonos metas alcanzables para que non esmorezan cando se apaguen as luces.