O aeroporto de Santiago perdeu medio millón de viaxeiros en 2025, mentres A Coruña e Vigo soben
Santiago perde un 14,3 % de pasaxeiros; A Coruña e Vigo gañan usuarios
Decembro deixa a peor cifra de pasaxeiros no aeroporto compostelán, cunha caída do 26,9 %
As obras na pista do aeroporto de Santiago comezarán este martes en horario nocturno
Imaxe de arquivo do aeroporto de Lavacolla de Santiago de Compostela (EUROPAPRESS)
O aeroporto de Santiago perdeu máis de medio millón de viaxeiros en 2025 respecto ao ano anterior, unha caída do 14,3 % que contrasta coas subidas rexistradas nas terminais da Coruña e Vigo.
Segundo os datos divulgados este martes por Aena, os tres aeroportos galegos transportaron en total a 5.527.735 pasaxeiros en 2025, un 6,9 % menos que en 2024 debido a ese esborralle da Lavacolla, nun ano de recortes de aeroliñas como Ryanair e que precede a un 2026 en que a pista compostelá estará pechada durante 35 días.
Pola terminal de Santiago pasaron 3.120.759 pasaxeiros en 2025, a gran maioría (3.107.587) en voos comerciais, dos que 2.521.701 viaxaron a destinos nacionais e 585.886 ao estranxeiro.
En total operáronse 24.837 voos (22.376 comerciais, dos que 18.040 foron nacionais e 4.336 internacionais), un 7,9 % menos ca en 2024, e movéronse máis de 3.730 toneladas de mercadorías.
A caída de pasaxeiros foi especialmente sanguenta en decembro, cando só 179.886 persoas elixiron o aeroporto compostelán para os seus desprazamentos, un 26,9 % menos que no mesmo mes de 2024.
A crise na Lavacolla contrasta cos datos dos aeroportos da Coruña e Vigo, que viron crecer o número de viaxeiros en 2025.
Pola terminal da Coruña pasaron 1.292.166 persoas o ano pasado, un 4,4 % máis que en 2024, a maioría (1.291.087) en voos comerciais e dos cales 1.163.552 realizaron traxectos nacionais e 127.535, internacionais.
De feito, Alvedro rexistrou o mellor decembro da historia deste aeroporto en número de pasaxeiros ao alcanzar os 106.889, un 1,7 % máis que o mesmo mes de 2024.
No conxunto do ano, realizáronse 16.251 operacións (un 12,2 % máis que en 2024), das que 9.595 foron voos comerciais, 8.436 a destinos nacionais e 1.159 a internacionais, e movéronse ao redor de 30 toneladas de mercadoría.
No que respecta a Vigo, 1.114.810 pasaxeiros elixiron esta infraestrutura para viaxar en 2025, un 5,3 % máis.
Do total de viaxeiros, 1.112.661 usaron voos comerciais, dos que 1.059.709 fixérono en traxectos nacionais e 52.952 en internacionais.
Os pasaxeiros de Peinador tamén subiron no mes de decembro, ata os 97.127, un 2,4 % máis ca un ano antes.
En canto ás operacións, rexistráronse 12.511 aterraxes e engalaxes no conxunto de 2025 en Vigo (un 8,6 % máis), dos que 9.440 foron voos comerciais (8.469 nacionais e 971 internacionais).
Creceu especialmente o tráfico de mercadorías, un 34 % ata as 421 toneladas.