Publicador de contidos

Publicador de contidos

O acusado do crime das Gándaras di que matou a vítima sen querer

O acusado do crime das Gándaras di que matou a vítima sen querer

O avogado defensor tratará de probar que o home tiña as súas facultades alteradas e que se trata dun homicidio e non dun asasinato

As acusacións sosteñen que o acusado sabía o que facía e que hai unha agravante de parentesco

O acusado no momento de chegar á Audiencia de Lugo O acusado no momento de chegar á Audiencia de Lugo
G24.gal 04/07/2022 16:01

O acusado de asasinar unha muller en Lugo en febreiro de 2020 asegurou este luns que foi a muller a que o ameazou a el cun coitelo, pero conseguiu arrebatarllo, tento asustala e cravoullo sen querer.

O ministerio fiscal solicita 25 anos de cárcere para este home de 48 anos de idade, que recoñeceu o crime durante a súa declaración na vista oral e pediu perdón polo sucedido, aínda que insistiu en que non a matou á mantenta.

De feito, a defensa tenta convencer o xurado popular de que o home actuou coas súas capacidades alteradas por mor do consumo de alcol e outras substancias psicotrópicas.

O avogado que se ocupa da súa defensa xa anunciara antes do comezo do xuízo de que tentará que se lle aplique ao seu cliente unha “eximente completa” polo estado de embriaguez en que se atopaba ou, polo menos, que esa circunstancia sexa atendida como atenuante. 

Ademais, insistiu en que os feitos xulgados deben ser atendidos como homicidio e non de asasinato.

Tentará aclarar no transcurso da vista oral que o seu cliente e a vítima non eran parella pois, de feito, o procesado afirmou que tiña coa muller unha relación “de amizade”, pero non sentimental.

 As acusacións falan de aleivosía e violencia machista

As acusacións en cambio defenden outra posición e buscarán probar nos próximos días que se trata dun asasinato machista.

"A vítima non tivo ningunha posibilidade de defenderse. Por outro lado, demostrarase tamén que eran unha parella estable. O acusado, no momento dos feitos, sabía perfectamente o que facía", di Fernanda López, avogada da acusación particular.

"Un asasinato con comportamento aleivoso. Ademais, cunha desproporción de medios na situación en que ela se atopaba, xa que realizara unha inxestión alcohólica importante. Como din os propios forenses, encontrábase desvalida", explica Francisco José Lago, avogado da acusación popular, en nome da asociación Amigos de Galicia.

"A comisión do delito non creo que sexa discutible", cre Cristina Martínez, tamén avogada da acusación particular, que representa a filla da vítima.

"Nós interesámonos pola agravante de parentesco, e especialmente a agravante de xénero, ao se tratar dun delito de violencia machista".

Segundo o escrito de acusación do ministerio fiscal, o acusado, que coñecía á vítima “desde había anos”, iniciou con ela unha relación sentimental no verán de 2019 e foron vivir a xuntos no domicilio da muller, na cidade de Lugo.

A Fiscalía sostén que o crime se produciu entre as 18.00 horas do día 6 e as 8.00 horas do 7 de febreiro de 2020, no domicilio que ambos compartían.

No momento do falecemento, a vítima tiña 49 anos. Deixou dous fillos, un de 17 e outro de 30 anos, así como á súa nai 77.

O fiscal sostén que o acusado estaba en uso das súas facultades o día de autos para “comprender os seus actos” e a “vontade intacta para decidir executalos”, polo que o acusa dun delito de asasinato coa agravante de parentesco. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade