Publicador de contidos

Publicador de contidos

As acusacións buscan probar que o crime das Gándaras foi un asasinato machista

As acusacións buscan probar que o crime das Gándaras foi un asasinato machista

Piden 25 anos de prisión para o presunto autor do asasinato a coiteladas dunha muller

Félix Aragunde 04/07/2022 14:07 Última actualización 04/07/2022 19:03

O presunto asasino de Clara María Expósito, a muller de 49 anos matada a coiteladas na súa vivenda no barrio lugués das Gándaras, chegaba á primeira hora á Audiencia Provincial de Lugo. Facíao nun vehículo da Garda Civil e dirixiuse camiñando, esposado e escoltado por dous axentes cara ao interior dos xulgados.

Segundo o escrito da acusación, en febreiro de 2020 o suposto autor do crime asestoulle catro puñaladas no pescozo cun coitelo mentres a vítima se encontraba no baño nun grave estado de embriaguez.

Probar a motivación machista do crime

"A vítima non tivo ningunha posibilidade de defenderse. Por outro lado, demostrarase tamén que eran unha parella estable. O acusado, no momento dos feitos, sabía perfectamente o que facía", di Fernanda López, avogada da acusación particular.

"Un asasinato con comportamento aleivoso. Ademais, cunha desproporción de medios na situación en que ela se atopaba, xa que realizara unha inxesta alcohólica importante. Como din os propios forenses, encontrábase desvalida", explica Francisco José Lago, avogado da acusación popular.

"A comisión do delito non creo que sexa discutible", cre Cristina Martínez, tamén avogada da acusación particular. "Nós interesámonos pola agravante de parentesco, e especialmente a agravante de xénero, ao se tratar dun delito de violencia machista".

Polo delito de asasinato, a fiscalía pide 25 anos de cadea para o acusado. Ademais, solicita o pagamento de preto de 180.000 euros aos fillos e á nai da vítima, cantidades que as acusacións mesmo duplican.

Estratexia da defensa

Pola súa parte, a defensa pide a absolución deste delito conforme ás eximentes de alcoholismo e drogadicción.

"Imos intentar demostrar que se trata dun homicidio, non de asasinato. Tamén trataremos de demostrar que non eran parella, senón amigos. Por último, pódese demostrar que el estaba baixo a influencia do alcohol e de estupefacientes", mantén Jacobo Vázquez, avogado da defensa.

Está previsto que este xuízo, con xurado popular, se prolongue ata o mércores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade