Publicador de contidos

Publicador de contidos

O acusado de atacar a muller en Santiago recoñece as lesións, pero di que non quixo matala

O acusado de atacar a muller en Santiago recoñece as lesións, pero di que non quixo matala

A Fiscalía pide para o procesado 11 anos de cadea

Os feitos aconteceron en Santiago, en decembro de 2023

G24.gal 08/05/2025 14:16

"Tiña vostede intención de matala..., de acabar coa súa vida?", pregunta a defensa.
-"Non".

"Está vostede arrepentido do acontecido?", engade o avogado do procesado.
-"Moito".

Deste xeito, recoñeceu o investigado, que só quixo responder as preguntas do seu avogado, ser autor das lesións que sufriu a súa muller no interior do domicilio onde convivían, en Santiago, en decembro de 2023. Deles respondeu no xuízo celebrado este xoves.

 "O meu cliente defende que non tiña intención de acabar coa vida da vítima. Pero iso deberá decidilo a sala en función da gravidade das lesións, porque a coitelada perforou o pulmón da vítima", explica Manuel Ferreiro, o avogado da defensa.

A Fiscalía pide para el 11 anos de cadea por un delito de homicidio en grao de tentativa coas agravantes de xénero, parentesco e superioridade. De feito, durante a súa declaración, a vítima explicou que estaba controlada en todo momento polo seu home, o presunto agresor, que lle prohibiu manter contacto coa súa familia e que mesmo lle tiña que entregar todos os cartos que gañaba.

En canto ao día dos feitos, explicou que era de madrugada e que o procesado a obrigou a erguerse da cama e ir ao salón. Alí acusouna de denuncialo perante a policía por malos tralos. Ela negoullo. E foi aí cando, segundo dixo, a agarrou forte polo pescozo e apertouna ata deixala case sen coñecemento.

Nese intre, engadiu, a nai e mais a sobriña do acusado lograron afastalo. Porén, el foi á cociña á procura dun coitelo que logrou cravarllo polas costas.

A acusación particular entende que estes feitos son constitutivos dun delito de asasinato en grao de tentativa, con aleivosía.

 "A modificación ten que ser cambiada por unha tentativa de asasinato e un delito continuado de maltrato doméstico. Houbo denuncias previas...", manifesta Víctor Bouzas, o avogado da vítima.

A acusación particular eleva a pena aos 22 anos de cadea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade