Asaltan unha cafetería en Vigo e foxen co diñeiro da máquina comercartos
Ameazaron a traballadora da limpeza para poder entrar
Eran dous homes coa cara cuberta e levaban luvas
Sucedeu ás seis da mañá, cando a empregada da limpeza do local acababa de chegar. Agardaron a que desconectara a alarma e os asaltantes entraron na cafetería ameazando cun coitelo a traballadora e o seu home, que a acompañaba.
Segundo o propietario do establecemento, levaban a cara cuberta e foron directamente á máquina comercartos. Estaba nunha caixa acoirazada porque nesta cafetería xa roubaran noutras ocasións. Desfixérona cunha radial e martelos de grandes dimensións. Dáse a circunstancia de que os propietarios viven no inmoble onde está a cafetería. Escoitaron ruídos, baixaron a ver que sucedía e chamaron a policía.
Á muller do dono tamén a ameazaron cun martelo. Os ladróns levaban luvas para non deixar pegadas. Fuxiron cos cartos pero todo quedou gravado nas cámaras de seguridade. A policía investiga o roubo e non descartan que houbera máis persoas implicadas. Afortunadamente non houbo danos persoais. Na zona reclaman máis presenza policial.