Publicador de contidos

Publicador de contidos

O acceso á vivenda e o prezo dos alimentos, principais problemas dos consumidores europeos

O acceso á vivenda e o prezo dos alimentos, principais problemas dos consumidores europeos

O Segundo Congreso Internacional de Consumo, que reúne en Santiago organizacións de cinco países europeos, aborda as preocupacións dos usuarios nunha economía que definen como "polarizada"

G24.gal 28/05/2025 14:13

Organizacións de consumidores de Italia, Bélxica, Romanía e Portugal únense ás organizacións de consumidores de España nestas xornadas internacionais. Son expertos que xuntos deseñan e reclaman medidas para frear os principais problemas que comparten os cidadáns de todos estes países de Europa. En especial, asuntos tan vitais como a inflación na cesta da compra ou o acceso á vivenda.

"Mércanse pisos en man porque hai moito investimento de estranxeiros. Persoas con rendas altas que veñen a España porque é un país seguro e cunha fiscalidade aínda axeitada, e con eses cartos están expulsando do mercado, non só de compravenda, senón de alugueiro, persoas que sempre viviron nos seus barrios", cre Iliana Izverniceanu, a representante da OCU e do Comité Económico e Social Europeo.

Denuncian que a economía se polariza. Os que teñen rendas altas gañan cada vez máis, mentres a maioría se empobrece. No foro poñen o foco en que, por exemplo, se fala dun novo modelo de mobilidade, pero afirman que poucos poden acceder a el.

"Eu creo que non hai ninguén a favor de que se contamine máis, ou de que as condicións de produción supoñan a explotación de persoas, ou que causen impacto no medio ambiente. Pero hai que saber que custo ten iso", dixo Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia.

Os prezos en relación con salarios están a supoñer un colapso do modelo. 

"O noso salario mínimo son 870 euros, e non conseguimos contratar un alugueiro por menos de 800, 900 ou 1.000 euros. E estou falando de localidades menores coma Viana do Castelo, que é de onde eu veño", conta Gloria Felgueiras, da Asociación DECO Miño.

E engaden na listaxe o prezo dos combustibles, o butano. Aquí hoxe lembran as ferramentas que estas organizacións achegan para que os consumidores poidan defender os seus dereitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade