Publicador de contidos

Publicador de contidos

Inditex mantén a expansión nos EUA malia os aranceis e aposta por mercados como Iraq

Inditex mantén a expansión nos EUA malia os aranceis e aposta por mercados como Iraq

Marta Ortega reivindicou os 50 anos da empresa asegurando que quere seguir medrando

A presidenta tamén dedicou unhas palabras a José Arnau na súa despedida

Marta Ortega e Óscar García Maceiras, na Xunta Xeral de Accionistas de Inditex. Europa Press / M. Dylan
G24.gal 15/07/2025 13:27

A presidenta de Inditex, Marta Ortega, confirmou, na Xunta Xeral de Accionistas celebrada en Arteixo, que non van cambiar a estratexia pola proposta arancelaria que impuxeron os EUA. Á presidenta acompañouna Óscar García Maceiras, o seu conselleiro delegado.

Esta xunta de accionistas celebrada na sede de Inditex en Sabón (Arteixo) contou con 4.558 persoas presentes, o 89,42 % do capital social da empresa.

García Maceiras afirmou que o modelo de negocio non vai cambiar polos aranceis e que a empresa está preparada ante calquera escenario. A empresa produce agora en 50 países. 

Asegurou que a estratexia vai manterse nos EUA, exemplificándoo coas recentes aperturas nos Ánxeles, Boston ou Manhattan. Tamén pretenden abrir o primeiro Zara Man dos Estados Unidos nas Vegas.

Non só se limitan aos Estados Unidos, senón que teñen previsto que todas as marcas de Inditex abran tendas en Iraq para outubro e se converta no mercado número 98 no que está presente o grupo. 

Celebrando os 50 anos dun soño

Marta Ortega reivindicou o legado de 50 anos que cumpre a súa empresa a prol dun crecemento futuro centrado nos seus valores e en non perder o espírito nestes tempos complexos.

Na súa intervención, que abría a Xunta Xeral de Accionistas celebrada en Arteixo, Ortega explicou que os 50 anos son un momento moi especial pola responsabilidade que carrexan.

"Pasaron xa 50 anos desde que Zara abriu por primeira vez as súas portas como unha marca de moda. A propia palabra moda podería indicar algo pasaxeiro, polo que é aínda máis difícil non emocionarse despois de tantos anos non só de existencia, senón de crecemento", relatou.

Lembrou como seu pai Amancio Ortega deu vida a un gran soño, unha idea valente e distinta de chegar aos clientes coa calidade e o deseño, unha idea que segue viva a día de hoxe. 

"Cinco décadas de traballo incansable, de soños compartidos, de retos superados, de aprendizaxe constante; pero, sobre todo, 50 anos de persoas", resume.

Centrados no futuro

Así é como remarca Ortega que a empresa ten a mirada posta no futuro para seguir crecendo en todos os ámbitos e que sexa ese crecemento o que a leve a ser aínda mellor.

Tamén incide en que a maxia que ten Inditex está nas súas persoas, que definiu como talentosas e con ganas e ilusión.

Aseverou que o futuro ao que aspiran está nas súas mans e deles mesmos depende atopar o camiño correcto para o desenvolvemento da empresa. 

Despedida de José Arnau

Finalmente, Ortega deu as grazas a José Arnau, quen deixa a vicepresidencia do grupo Inditex, posto que ocupaba dende o 2012.

Nesta liña, agradeceu o apoio icondicional de Arnau: "As túas ganas de axudar sempre me marcaron persoalmente e espero seguir contando contigo. Moitas grazas, Pepe. Esta sempre será a túa casa", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade