Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump rompe cos plans de reunirse con Xi Jinping e ameaza con aranceis masivos a China

Trump rompe cos plans de reunirse con Xi Jinping e ameaza con aranceis masivos a China

O presidente dos Estados Unidos acusa Pequín de querer impoñer controis ás exportacións de terras raras

Advirte que responderá cun “aumento masivo” de aranceis se o país asiático mantén esas restricións

Imaxe do cumio do G20 en Osaka. REUTERS/Kevin Lamarque Imaxe do cumio do G20 en Osaka. REUTERS/Kevin Lamarque
G24.gal 10/10/2025 17:49

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, afirmou este venres que xa non ve motivo para reunirse co seu homólogo chinés, Xi Jinping, e ameazou con un incremento masivo dos aranceis aos produtos chineses en resposta ao que cualificou de intentos de China de impor controis ás exportacións de terras raras.

Nunha longa mensaxe publicada na súa rede Truth Social, o mandatario republicano asegurou que China “está volvéndose moi hostil” e que está enviando cartas a países de todo o mundo para anunciar a súa intención de establecer controis ás exportacións de todos os produtos relacionados coas terras raras e doutros materiais estratéxicos.

Segundo Trump, unha medida así “colapsaría os mercados e dificultaría a vida de practicamente todos os países, especialmente de China”, e afirmou que varias nacións xa contactaron con Washington “indignadas por esta hostilidade comercial”.

Cancelada a reunión prevista en Corea do Sur

“Non falei co presidente Xi porque non había motivo para facelo. Foi unha verdadeira sorpresa, non só para min, senón para todos os líderes do mundo libre. Tiña previsto reunirme con el dentro de dúas semanas, no Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC), en Corea do Sur, pero agora non ten sentido”, indicou Trump.

O mandatario anunciou tamén que, dependendo da resposta de China, Estados Unidos “contrarrestará” as súas accións: “Por cada produto que logren monopolizar, nós teremos dous”, afirmou.

Escalada nas tensións comerciais

Trump sinalou que unha das medidas que está a valorar o seu Goberno é un aumento masivo dos aranceis aos produtos chineses que entren nos Estados Unidos.

Estas declaracións marcan o maior desencontro con China desde que ambas potencias comezaron a negociar unha redución dos aranceis tras a guerra comercial intensificada o pasado mes de abril.

Trump e Xi mantiveran o 18 de setembro unha chamada telefónica na que aprobaron un acordo preliminar para permitir que TikTok siga operando nos Estados Unidos e acordaran verse a finais de outubro en Corea do Sur durante o cumio de líderes do Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade