Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta Electoral Central impide agora votar co DNI dixital a instancias do PP

A Xunta Electoral Central impide agora votar co DNI dixital a instancias do PP

Xa non se poderá utilizar nas eleccións andaluzas do 17 de maio 

O Partido Popular expresa a súa satisfacción salientando que o seu obxectivo era "garantir a seguridade en todo o proceso electoral"

G24.gal 26/03/2026 21:09

A Xunta Electoral Central deixa en suspenso as súas resolucións autorizando o uso da versión dixital do Documento Nacional de Identidade (DNI) para acreditarse á hora de votar nunhas eleccións, permitida desde o pasado setembro, e a petición do PP acordou que xa non se poida utilizar nas eleccións andaluzas do próximo 17 de maio e mentres non se garanta que o control de verificación sexa "suficientemente seguro".

O pasado mes de setembro, a XEC autorizou a app de Interior, do DNI dixital e do carné de conducir ao considerar que inclúe a foto do votante para identificalo e que é igual de oficial que o documento físico.

O PP consideraba que non eran suficiente con mostrar o DNI dixital 

Non obstante, desde a dirección do PP consideraban que non era suficiente con mostrar o DNI dixital, senón que debería abrirse a aplicación no dispositivo móbil, xerar un código QR único e verificalo. Así o expuxeron os populares nas eleccións de Aragón, pero a Xunta Electoral da comunidade non o viu necesario ao considerar suficiente a práctica actual de mostrar a imaxe do DNI coa súa foto para identificar o votante.

O PP insistiu na véspera das eleccións de Castela e León, e pediu de novo á Xunta Electoral Central que só se permitise o DNI dixital se en cada mesa electoral había un dispositivo con acceso á aplicación que permitise verificar o QR e a identidade.

Con todo, o máximo órgano electoral, desestimou esas peticións e, tras solicitar un informe do Ministerio do Interior, recalcou ao PP que o DNI dixital, tal e como se usa, xa ten todos os elementos que esixe a lei para identificar o elector: nome e apelidos, número de DNI e foto. 

A XEC acepta agora a petición do PP para as eleccións andaluzas 

Por terceira vez, agora na véspera das eleccións andaluzas, o PP volveu insistir en que os partidos "deben disipar dúbidas" e evitar que se xere desconfianza ao redor do sistema electoral, que ao seu xuízo funciona ben sen necesidade de autorizar o uso do DNI dixital.

E nesta ocasión, tras recibir os escritos presentados pola Consellería da Presidencia da Xunta de Andalucía e a Dirección Xeral de Política Interior, a XEC aceptou a demanda e suspendeu o uso da versión diguital do DNI "para asegurar ao máximo a confianza dos cidadáns no sistema electoral".

Así, resolveu "suspender a eficacia" dos seus acordos anteriores, polos que se permitía a utilización das aplicacións "MiDGT" e "MiDNI" por parte dos electores no momento de depositar o seu voto, presencialmente ou por correo, "ata tanto se garanta que o control da verificación da identidade dos electores por estes sistemas é suficientemente segura".

Tras coñecer a resolución da XEC, a vicesecretaria de Rexeneración Institucional do PP, Cuca Gamarra, mostrou as súas satisfacción remarcando que o seu obxectivo era "garantir a seguridade en todo o proceso electoral".

Ao seu xuízo, a verificación da identidade a través de medios dixitais non era segura, polo que "o lóxico" era a suspensión dese método de acreditación para que "os cidadáns non teñan por que ter, no que afecta os medios de identificación, ningún tipo de dúbidas en relación co proceso electoral".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade