Rusia nega que estea a pasar información de intelixencia a Irán contra obxectivos dos EUA
Kaja Kallas pedira aos EUA que presione a Rusia porque está a axudar a Irán a atacar a países veciños e bases estadounidenses
Serguéi Lavrov, ministro ruso de Exteriores (Reuters)
O ministro de Exteriores de Rusia, Serguéi Lavrov, negou este xoves que o seu país estea a pasar "información de intelixencia" a Irán contra obxectivos dos Estados Unidos, en resposta ás acusacións da xefa da diplomacia europea, Kaja Kallas, durante a reunión ministerial do G7 celebrada na localidade francesa de Cernay la Ville.
"Mantemos relacións moi estreitas con Irán, en particular un acordo en materia de armamento. Fornecemos material militar a Irán, pero non podemos aceptar as acusacións que se nos fan de transmitir intelixencia a Irán", manifestou Lavrov, nunha entrevista difundida pola canle pública 'France 2'
Durante a reunión dos ministros de Exteriores do G7, Kallas pediu este xoves aos EUA que presione a Rusia non só para negociar un fin xusto para a guerra de Ucraína, senón tamén porque Moscova está a axudar a Irán a atacar a países veciños e bases estadounidenses.
"Rusia está a axudar a Irán con intelixencia para poñer na diana a estadounidenses, para matar estadounidenses. E Rusia está agora tamén apoiando a Irán con drons para poder atacar países veciños e tamén bases militares dos Estados Unidos", dixo Kallas na reunión.
Lavrov, pola súa banda, insistiu en que os ataques a Irán son unha violación do dereito internacional.
"Non é só a Irán a quen defendín, aínda que sexa un socio estratéxico -que non un aliado, senón un socio co que temos un acordo-. O que defendemos é, en primeiro lugar, o dereito internacional. E non podo imaxinar que os franceses, que tradicionalmente resaltan o seu apego ao dereito internacional, non vexan o que está a suceder", sinalou.
O xefe da diplomacia rusa foi preguntado sobre se a invasión rusa a Ucraína iniciada en 2022 non supón tamén unha violación do dereito internacional.
"A diferenza é que a República Islámica de Irán non infrinxiu ningún dos seus compromisos, especialmente no relativo ao programa nuclear", afirmou Lavrov, quen asegurou que Ucraína "violara todo os acordos posibles coa axuda dos seus protectores occidentais", sen precisar de que acordos se trataba.
O ministro, de 76 anos, tamén foi evasivo á hora de responder a unha pregunta sobre as vítimas civís ucraínas causadas polos ataques rusos.
"Nós nunca apuntamos a obxectivos que sexan exclusivamente civís. Os brancos atacados están, dunha ou outra forma, vinculados á actividade das forzas armadas ucraínas na fronte. As forzas armadas ucraínas, pola súa banda, non teñen nunca escrúpulos en atacar en Rusia obxectivos civís", denunciou.
Respecto ás negociacións de paz para terminar coa guerra en Ucraína, Lavrov acusou á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e ao secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, de "facer todo o posible para obstaculizar" a sintonía entre o mandatario ruso, Vladímir Putin, e o estadounidense, Donald Trump, tras o cume de Alaska de agosto de 2025.
"Lograron así desviar a liña da administración estadounidense" cara a un acordo de paz, lamentou o xefe da diplomacia rusa.