Numerosas deficiencias no valado da vía do tren no Porriño
Os veciños din que o valado está roto, hai postes caídos e a maleza inunda boa parte da vía
O Concello elaborou un informe con todas as deficiencias e esixe a Adif unha intervención urxente
Lamentan a falta de seguridade porque poden acceder á plataforma por lugares que non están sinalizados
Queixas no Porriño polo mal estado en que se atopa o valado que separa a rúa das vías do tren. Unha das zonas que presenta máis deficiencias está xusto no centro da vila, a carón do paso a nivel que divide o concello en dous. O valado está roto, os postes caídos, a maleza inunda boa parte da vía... Son danos moi visibles para os veciños.
Os viandantes falan de inseguridade, do perigo que supón que haxa zonas onde non hai sinalización e polas que se pode cruzar dun xeito irregular.
Hai algúns lugares que están sinalizados para evitar que os peóns crucen. Malia todo hai veciños que apuntan á responsabilidade e ao civismo da cidadanía.
Hai un proxecto para soterrar o paso a nivel do Porriño, pero está parado. O ministerio decidira integralo na saída sur ferroviaria de Vigo. Os veciños continúan demandando que se elimine.
O Concello do Porriño elaborou un informe técnico onde recolle todas as deficiencias que presenta esta zona do trazado. Pídelle ao Adif que actúe de maneira urxente.