Novos cortes de tráfico na A55 polas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda
Os cortes empezarán este mércores a partir das 10 da mañá e rematarán en setembro
Google Maps
O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A55 fará necesarios novos cortes de tráfico a partir deste mércores, informou este luns a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Estes cortes, que comezarán ás 10 horas e finalizarán previsiblemente en setembro, realizaranse nos ramais de entrada e saída da ligazón do punto quilométrico 30 en sentido Vigo da autovía A55. Para garantir a circulación do tráfico habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
O peche da circulación é necesario para construír o novo ramal directo de conexión coa estrada N551 e tamén o ramal de entrada sentido Vigo.
As obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A55 e o polígono de Areas, en que a Xunta inviste 30 millóns de euros, conseguen un grao de execución do 79 %.
Máis en concreto, os traballos de movemento de terras conseguen o 85 % de execución total; os recheos, o 88 %; os firmes, o 55 %, e as drenaxes, o 56 %. Tamén se atopan avanzadas as estruturas, xa que a execución dos pasos superiores rolda o 95 %, a dos inferiores xa conseguiu o 100 % e a dos muros achégase ao 75 %.