A escavación de Castro Valente avanza no descubrimento da muralla e dun edificio
O equipo de arqueólogos completa a campaña cunha visita guiada a este xacemento que ocupa once hectáreas de monte dos concellos de Padrón e A Estrada
Os traballos desenvólvense co apoio do Concello de Padrón, da Universidade de Santiago e da Comunidade de Montes de Confurco
Coa terceira campaña de escavación na muralla de Castro Valente a piques de rematar, o director deste proxecto arqueolóxico que abrangue once hectáreas de monte de Padrón e A Estrada resume o que levan descuberto nesta zona pertencente á Mancomunidade de Montes de Confurco:
"Os veciños chamáronlle tradicionalmente a esta zona A Serca. A Serca é isto que temos aquí, unha muralla moi ben conservada. Temos tramos onde se conservan tres metros de altura e unha anchura duns catro metros máis ou menos uniforme en todo o perímetro. Había trinta torres circunvalando a muralla", explica Mario Pereiro, director do proxecto Castelos no Aire.
Mentres escavan no que foi un edificio, quéixase de que árbores, o que máis as acacias, e cortalumes danaran o vestixio arquitectónico e estean a complicar a análise para afinar na datación.
"O que si sabemos é que é un momento de ocupación posterior á fin do Imperio Romano, arredor do século V, e consideramos que o seu abano cronolóxico estará entre o século V e o IX, aproximadamente", afirma Pereiro.
Concello de Padrón, Universidade de Santiago e Mancomunidade de Montes do Confurco, propietaria do terreo, están implicadas en seguir avanzar neste proxecto a longo prazo.
"Empeza a haber un interese por este sitio que aparecía mencionado por Murguía a finais do XIX e quedou como un esquecemento ata hoxe. Entón, na contorna hai moita xente interesada. E é un traballo de longa duración; de empezar pouco a pouco e confiar en que, sexamos nós ou con outra xente, no futuro quede este espazo como elemento patrimonial e referenciador de toda esta zona do baixo Ulla", conclúe o arqueólogo que dirixe a escavación.