Publicador de contidos

Publicador de contidos

As candidaturas ao Congreso en Galicia sitúanse en 40 e baixan a 26 no Senado tras o pacto entre PSOE e Frente Amplio

As candidaturas ao Congreso en Galicia sitúanse en 40 e baixan a 26 no Senado tras o pacto entre PSOE e Frente Amplio

As opcións políticas entre as que poderán elixir os galegos mantéñense arredor da ducia

G24.gal 27/10/2026 19:52

 O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicará este mércores, 28 de outubro, as candidaturas rexistradas polas distintas opcións políticas ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro.

No caso de Galicia, unha vez rematado o prazo de rexistro e á espera de que posteriormente se analicen para a súa ratificación definitiva, o número de listas presentadas ao Congreso sitúase en 40, mentres que baixan a 26 no Senado, fundamentalmente polo pacto entre PSOE e Frente Amplio. Nos comicios de xullo de 2023 proclamáronse 34 candidaturas á Cámara alta.

Así se desprende da información recompilada nas xuntas electorais provinciais, pendente da publicación deste mércores e do prazo posterior para emendar erros e irregularidades, antes da proclamación definitiva das candidaturas a principios de novembro.

Por provincias, a Xunta Electoral da Coruña trasladou que as listas rexistradas para o Congreso son un total de dez e seis para o Senado. En Lugo rexistráronse oito para o Congreso e cinco para o Senado; mentres que en Ourense as candidaturas ascenden a 11 para a Cámara baixa e sete para o Senado; e en Pontevedra, a outras 11 para o Congreso e oito para o Senado.

A Xunta Electoral coruñesa remitiu ao BOE deste mércores para concretar as opcións políticas, pero o resto das provincias xa as desvelaron. As formacións roldan a ducia, coa presenza en todas elas do PP, PSdeG, BNG e da coalición electoral Frentre Amplio, entre outras.

En Lugo, as oito listas presentadas corresponden ao PP, PSdeG, BNG, Frente Amplio, Frente Obrero, Podemos, Vox e Se Acabó la Fiesta (Salf). Para a papeleta do Senado, os lucenses terán as seguintes cinco opcións: as tres do PP e BNG, xunto a Podemos, Vox e a da coalición Senado de Progreso, na que participan socialistas e Fronte Ampla.

En Ourense, as 11 candidaturas rexistradas son dos tres partidos con maior presenza territorial (PP, PSdeG e BNG), ademais de Frente Amplio, Podemos, Vox, Se Acabó la Fiesta, Partido Animalista con el Medio Ambiente (Pacma), Partido Comunista dos Traballadores de Galiza (PCTG), Vox e Por un mundo + justo.

As sete listas ourensás ao Senado corresponden ao PCTG, Podemos, Vox, Por un mundo + justo e Senado de Progreso, ademais do PP e o BNG.

Por último, en Pontevedra, xunto ao PP, PSdeG, BNG, Frente Amplio, Podemos e Vox, preséntanse Se Acabó la Fiesta, Frente Obrero, PCTG, Escaños en Blanco e Por un mundo + justo. En total, son 11 as candidaturas á Cámara baixa e oito á Cámara alta: concorren o PP, Senado de Progreso e BNG, así como Escaños en Blanco, Por un mundo + justo, Podemos e PCTG.

Ademais, tras pactar co PP, Vox preséntase en Pontevedra ao Senado cun único candidato, o enxeñeiro industrial Manuel Torres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade