Novo Mesoiro, unha mostra de rede de apoio entre a veciñanza para evitar a soidade
Desde hai catro anos os veciños maiores de 60 anos organízanse para compartir o seu lecer e preocupacións
O grupo xa supera as cincuenta persoas e amplíase con xente doutros barrios
A rede de apoio que se pode ter entre a veciñanza funciona naqueles lugares onde a xente permanece toda unha vida. Pero cando un se muda só a un barrio novo, como pode ser o Novo Mesoiro, na Coruña, crear comunidade pode volverse complicado. Os veciños deste barrio levan catro anos tecendo esa rede de cooperación entre maiores de 60 anos.
Son as dez da mañá, e arredor dunha mesa comparten o café máis dunha ducia de veciñas e veciños do barrio do Novo Mesoiro. Case todos se coñeceron nas clases do centro cívico, pero a rede foi medrando e desde hai catro anos comparten moito máis que as horas de ximnasia.
"Eu vin vivir ao barrio hai 14 anos. Vivía soa e coñecín unha veciña que tamén vivía soa. Intercambiamos os teléfonos para servirnos de apoio porque estando soa sempre tes que tirar dun veciño e non por un fillo que vive noutro lado. Entón empezamos a facer unha cadea", explica Mercedes Varela, promotora do grupo
Esa cadea unida por un grupo de whatsapp foise facendo máis grande con xente como Maite ou como Manuel.
"Cando empezamos a falar vimos que hai unha carencia tremenda coas persoas que xa temos unha idade. Ademais ao ser novo o barrio, as persoas que temos unha idade viñamos aquí de novo, co que non tiñamos raíces, non coñeciamos a ninguén e estabamos nunha contorna moi pechada", asegura Maite Orduña, que forma parte do grupo desde o inicio.
"Acabábame de separar e viña de vivir con catro persoas a quedar só cunha cadeliña. Coñecer toda esta xente foi o mellor que me puido pasar nestes momentos. Grazas a eles teño a alegría que teño hoxe en día, senón estaría encerrado na casa, só", conta Manuel Garrido, un dos últimos en incorporarse.
"Agora somos máis de 50 persoas. Onte fomos a unha excursión 20 persoas e non fomos máis porque non conseguín sitio para o resto. Fainos estar socializados. Toda esta xente non se coñecía de nada e agora saben os seus nomes, a súa vida, danse cariño, abrazos e é unha riqueza que temos", recoñece Mercedes, a promotora
Agora chega xente incluso doutros barrios, por iso demandan un local onde poder xuntárense, convivir unhas horas e preparar as próximas actividades que xa teñen en mente.