Publicador de contidos

Publicador de contidos

Volven ás súas casas os veciños desaloxados polo incendio de Padrón

Volven ás súas casas os veciños desaloxados polo incendio de Padrón

O lume calcinou unhas 350 ha, segundo as últimas estimacións

O incendio ameazou os núcleos de Sobrerribas e Cruxeiras de Abaixo

Segundo o alcalde de Padrón, o lume excedeu os límites municipais e xa entrou no concello de Teo

G24.gal 13/06/2026 15:24 Última actualización 14/06/2026 10:48

Os vinte veciños desaloxados polo incendio que afecta ó concello de Padrón  regresaron ás súas casas contra as once da noite do sábado. Fixérono escoltados pola Garda Civil,  tal e como lle confirmou  á Radio Galega o alcalde, Anxo Arca.

"Hai xa un par de horas que puideron volver ás súas cousas e esa é unha boa nova porque quere dicir que a situación avanza favorablemente".

O rexedor admitiu que os veciños viviron momentos de moita angustia.

"Pasaron moi mala tarde. Algúns tiñan animais, as súas pertenzas, as súas vivendas. Poder dicir que nun incendio tan complicado non hai vivendas afectadas e que  non se reportara ningún dano persoal, eu creo que é un éxito na xestión".

Tamén indicou, no programa A boas horas, que a noite "está sendo tranquila en Carcacía" e que os flancos máis preocupantes  están no concello de Teo.

Anxo Arca indicou que a chuvia contribuíu aos traballos de extinción e que os efectivos seguen a traballar para garantir a seguridade dos veciños. Con todo, explicou, non se pode baixar a garda.

"Non se pode baixar a garda. Mañá contaremos con medios aéreos e, por suposto, con medios terrestres que estarán refrescando, que estarán regando toda a zona afectada,  precisamente para evitar que poida volver acontecer o que pasou hoxe".

O rexedor sinalou que xa non hai veciños afectados polos cortes de electricidade e que tampouco hai problemas de cobertura no servizo de telefonía móbil e datos.

O alcalde de Padrón tamén indicou que  non cre que o incendio fose provocado se ben apelou á prudencia.

Lembramos que o incendio de Padrón obrigou á Consellería do Medio Rural a activar a Situación 2 como medida de emerxencia preventiva pola súa proximidade a dous núcleos de poboación da parroquia de Carcacía, Sobrerribas e Cruxeiras de Abaixo. Dez vivendas deste  segundo núcleo tiveron que ser desaloxadas.

O incendio, que comezou  o venres na parroquia de Herbón, queimou 350 hectáreas, segundo as últimas estimacións de Medio Rural.

Imaxe dun helicóptero traballando nos labores de extinción (Europa Press)

Medios mobilizados

Ata o de agora, a Consellería do Medio Rural mobilizou de forma acumulada a seis técnicos, 52 axentes, 75 brigadas, 54 motobombas, cinco pas, nove unidades técnicas de apoio, oito helicópteros e sete avións. Coa chegada da noite os medios aéreos deixaron de traballar. 

Ademais, o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) apoia o operativo con dous avións anfibios e un helicóptero, que traballan de forma coordinada co dispositivo da Xunta para apoiar as tarefas de control e extinción.

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutierrez,  achegouse ata Padrón para seguir de preto o traballo dos equipos de extinción. 

Últimas actualizacións

Durante a maña do domingo, o axente da UDEX da consellería de Medio Rural, Xosé Bieito Rodríguez, informou que se está a asegurar o perímetro, os 15 quilómetros afectados, e que a tendencia é a estabilización.

Durante esta noite traballouse sen sobresaltos, con maquinaria pesada e ciclos de auga, e conseguiuse unha mellora significativa da situación.

Bombeiros forestais extinguindo o incendio ( Álvaro Ballesteros/Europa Press)
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade