A ministra de Igualdade pide tranquilidade logo do novo fallo nas pulseiras de control dos maltratadores
A ministra de Igualdade pide tranquilidade logo do novo fallo nas pulseiras de control dos maltratadores
A Xunta de Galicia pide explicacións e reclama que se mellore o sistema logo da nova avaría deste martes
En Galicia, unhas 247 mulleres dispoñen dunha pulseira antimaltrato. O fallo este martes no sistema Cometa que integra estes dispositivos activou unha comunicación de alerta a todas elas.
"As vítimas recibiron no seu terminal a mensaxe de 'comunicación non dispoñible'. Unha caída que durou todo o día, deixando as vítimas desprotexidas", di Roberto Barba, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia.
A ministra de Igualdade di que se actuou con urxencia e pide tranquilidade.
"Ese incidente rematou sen problemas graves. Os chamados botóns do pánico estiveron funcionando", asegura a Ministra de Igualdade, Ana Redondo.
Este novo fallo vén sumarse ás incidencias detectadas neste sistema de control pola Fiscalía Xeral do Estado coincidindo co cambio de empresa na adxudicación do servizo. O Goberno galego pide explicacións.
"Que mellore o sistema e que se implemente un sistema seguro para as vítimas", reclama Roberto Barba, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia.
Desde a Comisión Europea advirten que van supervisar o funcionamento do sistema de control antimaltrato, que conta con fondos comunitarios.