Outro negocio de máquinas expendedoras volve sufrir un asalto violento na Coruña
O ladrón rebentou as máquinas dun establecemento de expendedoras de Matogrande
O propietario calcula uns 11.000 euros de danos
Segundo asalto nun mes nun negocio de máquinas expendedoras de Matogrande. No anterior o ladrón foi sorprendido polo dono do negocio e fuxiu. Desta volta tivo tempo de completar a desfeita en sete minutos.
"Da primeira vez collino cando só lle dera tempo a esnaquizar cunha panca de ferro unha das máquinas; o luns non cheguei e esnaquizounas todas coa panca", comenta o dono.
O asalto foi ás tres da madrugada, coa recadación do día anterior recollida. Pero os estragos son importantes e reparar as máquinas levará tempo e cartos.
"Só tiñan o cambio nas caixas, uns 300 euros, pero o peor son os danos, calculo que 11.000 euros e o tempo de ter todo parado".
As cámaras de seguridade gravaron os feitos e a Policía Nacional tomou mostras de pegadas nas máquinas para tratar de identificar o culpable. O dono sospeita que se trata do mesmo delincuente. "Imaxino que si, alguén que busca cartos rápidos e ao final estraga moito máis do que leva".
Ao abrir 24 horas e non ter atención personalizada, este tipo de locais son especialmente vulnerables aos roubos. De feito, cada vez son máis os empresarios que deciden enreixar as máquinas ou mesmo abandonar o negocio, desmoralizados ante asaltos reiterados coma este.