Publicador de contidos

Publicador de contidos

Exercicio, nutrición e apoio emocional poden mellorar a calidade de vida dos pacientes oncolóxicos

Exercicio, nutrición e apoio emocional poden mellorar a calidade de vida dos pacientes oncolóxicos

Oncólogos médicos de toda España reúnense este xoves en Santiago para compartir avances e escoitar as necesidades das pacientes de cancro de mama

G24.gal 22/05/2025 14:33

"Esta enfermidade vai afectar da cabeza aos pés, pasando polas emocións, a sexualidade, a figura...", explica Benigna Castro. Ten doce anos de experiencia como paciente oncolóxica e moito que dicir. Fala de eivas en comunicación, de incógnitas que ninguén resolve e tamén de necesidades, como o apoio emocional que na súa opinión "debería ser algo que está incluído no tratamento".

Diso van estas xornadas que organiza o grupo de investigación en cancro SOLTI. Queren dar visibilidade a todos os problemas que acompañan a un diagnóstico de cancro, para tratar de poñerlle solución.

"Son moitos problemas que hai que visibilizar: psicooncoloxía, exercicio, nutrición, fisioterapia, incorporación ao traballo tras a operación, porque afectan a calidade de vida", detalla Carmela Rodríguez, oncóloga no CHUS e unha das organizadoras deste obradoiro para pacientes.

"A min, ademais dos tratamentos -cirurxía, quimioterapia, radioterapia e tratamento hormonal- o que máis me axudou foi o exercicio físico e o ioga. E en especial a marcha nórdica, para exercitar o tren superior, onde o linfedema é importante", declarou Benigna Castro, paciente oncolóxica.

"Un dos efectos dos tratamentos é esa fatiga crónica, e pensamos que por movernos imos estar peor, e é o contrario: os de forza axudan a activar masa muscular, a masa ósea; os exercicios de cardio tamén axudan a que o metabolismo estea máis activo", dixo Noemi Sanmartín, especialista en exercicio físico e cancro da asociación Abeiratúa.

Da man sempre de persoas con experiencia, "esta enfermidade é coma unha viaxe con moitas fochancas, pero que se poden superar", di Benigna. Información e sabedoría para compartir.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade