Nove reses ao día son atacadas polo lobo en Galicia
Nos dous últimos anos víronse afectadas 3.168 reses e déronse máis de 2.000 alertas na comunidade
A conselleira de Medio Ambiente critica a teima do Goberno central en protexer o lobo e aclara que a poboación desta especie mantense estable en Galicia, cun total de 93 mandas
Reses atacadas polo lobo en Trazo o pasado mes de abril
Cada día son atacadas polo lobo nove cabezas de gando en Galicia, segundo recollen os datos que fixo públicos este mércores o goberno galego, que alertou do incremento que se rexistra nestes episodios.
Durante unha visita a unha explotación gandeira en réxime extensivo en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, explicou que, nos últimos dous anos, estes ataques creceron un 72 %.
Así, fronte aos 1.174 avisos que se rexistraron no ano 2021, en 2024 e 2025 producíronse unha media de 2.019 alertas.
As reses afectadas por eses ataques pasaron de 2.050 en 2021 a unha media de 3.168 nestes dous últimos anos, o que implica unha subida do 55 %.
A situación, segundo Vázquez, é "máis delicada" nas explotacións dedicadas á cría equina, xa que os cabalos atacadas pasaron de 311 no ano 2021 a 575 de media en 2024 e 2025, o que supón un aumento do 85 %.
A presenza do lobo ibérico en Galicia
Segundo o censo elaborado pola Xunta en 2022, a poboación do lobo ibérico mantense estable en Galicia, cun total de 93 mandas, e a súa presenza esténdese en máis do 90 % do territorio, co que o seu estado de conservación é "favorable".
A titular de Medio Ambiente criticou o "deixamento" do Goberno central e a súa "teima" en protexer ao lobo "de maneira arbitraria" e sen ter en conta a evolución da súa poboación nin o impacto que teñen os seus ataques no sector agrogandeiro.
Vázquez censurou que o Executivo debe a Galicia 12 millóns de euros de fondos para compensar os danos do lobo, correspondentes aos anos 2022, 2023 e 2025 e lamentou a "falta de información" sobre o informe sexenal desta especie.
Este documento, subliñou a conselleira, debería mandarse a Bruxelas antes do pasado 31 de decembro e "seguimos sen noticias", o que ao seu xuízo demostra a "escasa vontade" do Goberno en resolver este asunto.
2 millóns e euros en axudas para compensar os afectados
Como contraposición, Ángeles Vázquez presumiu do apoio da Xunta ao sector gandeiro, ao que destinará axudas de case 2 millóns de euros para previr os ataques do lobo e compensar os danos que se produzan.
O Goberno galego financia, a través destas axudas, a instalación de valados fixos, pastores eléctricos e cercas móbiles de malla electrificada, a adquisición de cans protectores e defensores ou a contratación de persoas coidadoras de gando.
A estes conceptos súmanse as axudas directas para compensar os danos causados polo lobo entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, que supoñen uns 600.000 euros dos dous millóns recolleitos nesta convocatoria.