Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta recorrerá ante o Supremo a última suspensión cautelar de proxectos eólicos

A Xunta recorrerá ante o Supremo a última suspensión cautelar de proxectos eólicos

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordenou a paralización doutros sete parques autorizados pola administración autonómica

G24.gal 06/04/2024 14:42 Última actualización 06/04/2024 17:45

Un de cada tres proxectos eólicos autorizados pola Xunta foron suspendidos cautelarmente pola Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Nos últimos días ditáronse sete paralizacións, que se suman a outras 26 ordenadas polo alto tribunal galego nos últimos meses. Entre todos os parques supoñen 686 megawatts e un orzamento próximo aos 600 millóns de euros.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galicia entende que hai motivos para a suspensión cautelar. A Asociación Eólica de Galicia asegura estar perplexa.

A Xunta xa anunciou que vai recorrer a decisión ante o Supremo. Mantén que o trámite realizado pola administración autonómica é impecable e que o problema da enerxía transcende fóra de Galicia.

"É un problema de Galicia pero tamén de España. Se Galicia non cumpre en enerxías renovables, España non cumpre en enerxías renovables. E isto é un problema porque acabaremos nunha situación de emerxencia enerxética", asegura a conselleira de Medio Ambiente en funcións, Ángeles Vázquez.

Respecto aos parques eólicos mariños, a conselleira critica que o plan sectorial do Goberno Central se fixo sen consultar co sector nin coas comunidades autónomas.

"O difícil sempre é o equilibrio. Ten que haber equilibrio, pero non podemos vivir sen enerxía. O que debemos é facer ben as cousas e falar coa poboación. Eu diríxalle aos grupos políticos que deixen de intoxicar mediaticamente e nos poñamos a traballar polo desenvolvemento de Galicia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar