Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alugar coche para desprazamentos puntuais e por horas, nova opción máis sinxela e flexible

Alugar coche para desprazamentos puntuais e por horas, nova opción máis sinxela e flexible

Emprendedores ourensáns desenvolven unha plataforma para dar cun coche ao que se pode acceder en cuestión de minutos

G24.gal 13/05/2024 14:40

Nestes tempos nos que alugar un vehículo pode chegar a ser mesmo complicado nalgunhas cidades, un grupo de emprendedores deu co xeito en Ourense de que todo sexa algo máis sinxelo. A través dunha aplicación móbil e unha frota de 35 vehículos dan a posibilidade de usar os seus coches para desprazamentos puntuais, mesmo de horas se se quere, e pagar de xeito proporcional. Din que a demanda medrou un 800 por cento só no último mes. 

"Teño familia e temos un coche só, entón si que me é moi cómodo porque se a miña parella necesita o noso coche eu non quedo sen opción. É algo moi cómodo porque ti pasas por unha zona, miras o mapa e ves onde están situados os vehículos. Se che queda de man, xa o colles e é superrápido, abrir coche, circulas e xa", explica Noelia Cabanelas, usuaria de Mobify.

O de Noelia é un dos moitos perfís daqueles que se decantan por este novo xeito de alugar vehículos. 

"A través do teu dispositivo móbil en vinte segundos podes ter o teu vehículo e estar circulando con el. Fronte a un alugueiro tradicional non precisas alugueiro, non precisas facer papeis, fianzas... É moi fácil, onde esteas colles o teu vehículo e tamén a hora de devolvelo, déixalo onde ti esteas, non tes que achegarte a ningún sitio concreto a deixar o teu vehículo", apunta José Manuel Martínez, director executivo de Mobify.

O coche pódese alugar por días, pero tamén pagar unicamente polos quilómetros que se fagan. Unha opción pola que cada vez se decantan máis usuarios.

"No último mes acrecentouse máis duns oitocentos por cento, dende que lanzamos a nova flota. Dende Santiago e A Coruña chégannos arredor de cincuenta ou sesenta peticións todos os días".

A plataforma, desenvolvida en Galicia, conta tamén con recomendacións turísticas para os visitantes. Só está dispoñible polo de agora na provincia de Ourense. Con todo, estudan xa ampliar a frota de vehículos para darlles servizo a outras cidades galegas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade