Reactívase na Mariña a venda de pisos que quedaran sen rematar antes da crise
Inmobiliarias locais interésanse polas vivendas porque a suba do prezo dos materiais fai máis vantaxoso retomalas que facelas de novo
Volve reactivarse a venda de pisos en Barreiros. Son vivendas de promocións que quedaron case rematadas antes da crise e que pasaron á SAREB. Agora, inmobiliarias locais interésanse por elas porque a suba do prezo dos materiais fai que resulte máis vantaxoso retomalas que facelas de novo.
Visitamos un dos pisos que unha inmobiliaria de Barreiros ten á venda neste concello da Mariña. Ten dous dormitorios e está preto da praia. Sitúase nun dos edificios que quedou sen rematar cando comezou a crise.
"Son pisos que se comezaron a facer en 2006 e que agora decidiron retomarse", explica o responsable dunha comercializadora, Antonio López.
O edificio ten 64 apartamentos cuns prezos que parten dos 70.000 euros. É a oferta de pisos máis recente, porque na zona apenas hai licenzas de nova construción.
"Facelo de cero sería máis caro", adianta Antonio López.
Escasea a vivenda nova neste concello, que no verán chega a multiplicar por catro a súa poboación. Proba do interese por instalarse na zona é que xa hai reservas para a metade dos pisos que ofrece esta inmobiliaria.