Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta activa os niveis de alerta 2 e 3 por altas temperaturas: Ourense achégase os 42 graos

A Xunta activa os niveis de alerta 2 e 3 por altas temperaturas: Ourense achégase os 42 graos

Domingo de calor abafante en Galicia logo dunha noite tropical con termómetros por riba dos 27 graos

Todas as comunidades autónomas están en aviso, doce con nivel laranxa

El Granado (Huelva) rexistrou este sábado 46ºC, récord histórico para un mes de xuño

G24.gal 29/06/2025 08:59

A Xunta de Galicia, no marco do seu plan de actuacións fronte a posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, activou os niveis de alerta 2 e 3 por episodios de calor en diferentes puntos de Galicia.

Así, segundo apuntou o Executivo galego, a vaga de calor que comezou o venres e que motivou á activación do nivel de alerta 1, pasa agora aos seus niveis 2 e 3 en diferentes zonas da comunidade.

En concreto, o nivel 3 está activado nos concello do noroeste da provincia de Ourense e na zona do Miño en Ourense.

Pola súa banda, o nivel 2 de alerta está activado en zonas do interior de Pontevedra, Valdeorras, centro de Lugo, montaña e sur de Lugo.

A estimación, indicou a Xunta, é que a situación se manteña ata o vindeiro martes, día 1 de xullo.

Suspensión da actividade deportiva federada

Neste contexto, a actividade deportiva federada no exterior queda suspendida pola alerta laranxa por episodio de calor durante esta xornada e este luns, nos 12 concellos do noroeste de Ourense, os 21 concellos do Miño ao seu paso por Ourense, os 19 da montaña de Ourense, 16 concellos do interior de Pontevedra, 11 concellos do sur de Lugo, 26 concellos do centro de Lugo e os 14 concellos da montaña de Lugo.

Recomendacións

Ante este episodio de calor, a Consellería de Sanidade lembra que os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e nenos menores de catro anos; persoas con enfermidades cardiovasculares, con diabetes mellitus, con enfermidade pulmonar obstructiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, Aazheimer ou patoloxías similares, así como persoas con enfermidades psiquiátricas.

Tamén todas aquelas persoas que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas persoas que pasan varias horas en exteriores.

Por iso, a Consellería de Sanidade recomenda: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaldas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; usar roupa de tecidos naturais, lixeira, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras, entre outras recomendacións.

 

En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recomendan solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.

Noite tropical

Esta noite foi especialmente calorosa, como demostran os datos de Meteogalicia. O valor máximo rexistrouse nas Neves, con 27,6 graos. Moita calor tamén en Vigo, con 27,2, e Oia, con 27.

Todo isto como aperitivo dunha nova xornada de calor abafante en case toda Galicia, con valores que un día máis poderían estar arredor dos 40 graos. Na xornada do sábado Leiro rexistrou a máxima de Galicia, con 41,6 graos, e Ourense chegou aos 41,5. Este domingo, os termómetros situábanse xa nos 41,6 graos en Ourense, polos 40,3 de Ribas de Sil, os 40,1 de Arnoia e os 39,7 de Leiro.

Para este domingo a comunidade seguirá baixo influencia anticiclónica, pero espéranse néboas costeiras no litoral e bancos de néboa en zonas do interior, que se disiparán co avance do día.

Pola tarde, o ceo estará despexado en xeral e as temperaturas non sufrirán cambios significativos.

Neste contexto, Meteogalicia advirte de que a calor persistirá no sur de Lugo e de Ourense, en Valdeorras e na bacía do Miño tanto de Pontevedra coma de Ourense.

Toda España en alerta

Ningunha comunidade española se libra este domingo dos avisos por altas temperaturas, que son de nivel laranxa en doce delas, con maior incidencia en zonas do suroeste peninsular.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé que os termómetros alcancen os 43 graos na campiña cordobesa e no val do Guadalquivir en Xaén e de ata 42 en Aracena, Andévalo e Condado (Huelva) e na campiña sevillana, así como nas veigas do Guadiana, a Siberia estremeña e en Barros e Serena en Badaxoz.

Récord en xuño: 46 graos

Más dun centenar de estacións da rede da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) superaron os 40ºC este sábado 28 de xuño, unha xornada na que a temperatura máxima rexistrouna Granado (Huelva) con 46ºC, un valor que supón un récord nacional para un mes de xuño.

A Aemet sinalou que se trata da temperatura máis alta medida en España nun mes de xuño desde que hai rexistros e superou os 45,2ºC de Sevilla, alcanzado no mes de xuño de 1965.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade