Unha alfombra floral homenaxea o Antigo Reino de Galicia e o Corpus Christi
Os especialistas de Ponteareas desprazáronse a Lugo para realizar un traballo que espertou admiración e curiosidade
A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas escolleu o adro da catedral de Lugo para elaborar unha das alfombras florais polas que son tan recoñecidos.
Tanto o emprazamento do adro, no medio de tres patrimonios da humanidade como son a muralla, a catedral e o camiño, como a celebración da procesión do Antigo Reino de Galicia foron motivos abondo para elaborar un traballo que supuxo a implicación de 25 persoas durante tres horas.
Os motivos escollidos foron unha estrela de sete puntas e un cáliz de ouro.
"Para nosoutros é un orgullo que a procesión pase por riba da alfombra", comentounos Miguel García, o presidente da asociación.
Esta arte efémera sorprendeu e admirou os veciños, os turistas e os peregrinos que pasaban esta mañá polo adro da catedral.