Os galegos de Nova York vivirán a final do mundial na Casa Galicia
No corazón do barrio neoiorquino de Astoia, en Queens, todo está preparado para ver o partido
A cociña da Casa Galicia está atarefada con 80 quilos de polbo
Na Casa Galicia de Nova York tamén se preparan para vivir a final desta noite.
"Quedamos cuns amigos aquí en ver todos xuntos o partido", conta Jesús Casais. "A maioría da xente que vai vir son socios. É dicir, coñecidos uns cos outros, que creceron aquí. Nós o que queremos é que se sintan cómodos", engade José Alberto González.
Como bos galegos, non hai celebración sen comida. Nada máis e nada menos que un dos nosos pratos estrela: o polbo, para animar á selección española co estómago cheo.
Aínda que o forte vínculo de Galicia coa Arxentina tamén se deixa ver na comunidade galega na gran mazá.
"Se che digo a verdade, vouno gozar de todas as formas, porque se gaña a Arxentina non me da tampouco tanta pena porque teño un avó que está enterrado alí. Dame certa nostalxia. Home, 100% España, non cabe dúbida", confesa Juan Riomao. Jesús Casais súmase: "Eu se che falo dos sentimentos cos arxentinos, prefiro mellor enfrontarme á Arxentina, porque os galegos emigraron todos á Arxentina".
Así que pase o que pase, a festa está garantida neste centro que reúne aos galegos de Nova York.
"Ao rematar o partido temos un grupo que aprendeu a tocar a gaita aquí. Ata agora, todos os partidos que xogamos tocaron as gaitas. E a xente, unha vez que celebra e todo iso, queda para cantar", engade José Alberto González.
Unha escena que, de seguro, se repetirá noutros puntos do mundo esta noite.