A loita contra a violencia machista, presente na mensaxe da ofrenda do Antigo Reino de Galicia
Estreou a súa declaración como Ben de Interese Cultural, un recoñecemento a un acto que se remonta a tres séculos atrás e no que participan representantes dos sete concellos que formaban o territorio
Conmemora o acordo para contribuír ao gasto que tiña a Catedral de Lugo para iluminar o Santísimo Sacramento, que ten exposto permanentemente no altar
Unha alfombra floral homenaxea ao Antigo Reino de Galicia e ao Corpus Christi
A catedral lucense acolleu aos mandatarios dos concellos do Antigo Reino de Galicia que participan na ofrenda ao Santísimo Sacramento. Renovan así unha tradición que se remonta a tres séculos atrás cando se acordou fixar unha renda para sufragar a iluminación do altar maior da catedral de Lugo, que ten o privilexio de expór a custodia de xeito permanente.
Este ano a ofrenta recae en Betanzos. A súa alcaldesa pediu polos que se esforzan por buscar un futuro mellor e especialmente polas vítimas de maltrato. María Barral fai unha "súplica especial por aquelas mulleres que cada día viven baixo o terror da violencia, que ven as súas vidas ameazadas por quen dixo amalas, que sofren o abuso, a humillación e o medo".
Barral Varela reivindicou ademais unha Galicia "inclusiva, diversa, plural e aberta a todos os idearios"
Na súa resposta, o arcebispo de Santiago animou a manter a confianza, nun ano no que se celebra o xubileo romano da esperanza. Monseñor Franciso Prieto asegura que "mentres haxa persoas que aman, que axudan, que comparten con xenerosidade, que se conmoven coa dor e o sufrimento dos demais, a esperanza é imposible que se perda".
A ofrenda este ano estrea a declaración de Ben de Interese Cultural, un recoñecemento que valora que se trata dunha celebración tradicional que representa a toda Galicia. No acto participaron representantes dos sete municipios que integraban o antigo reino: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago, Mondoñedo, Betanzos e Tui. O acto remata cunha procesión arredor do templo.