A ponte de Cruzul, en Becerreá, será Ben de Interese Cultural
No século XVIII este paso era fundamental na comunicación de Galicia coa meseta
Con esta medida o que queren é aumentar a protección sobre esta infraestrutura, o seu recoñecemento e conservación
A ponte de Cruzul, en Becerreá, levantada no século XVIII por Carlos III, terá por fin a catalogación de monumento histórico. Era unha vella reclamación local.
"Levábamos tempo esperando que pasara, é unha boa noticia", di unha muller; un home tamén comenta: "Moitos anos loitando para que isto fose unha realidade, é importante para o concello e a veciñanza".
Foi un viaduto estratéxico para a comunicación coa meseta
"Sabemos que é un punto histórico moi importante que posibilitou a comunicación entre dúas rexións cando era moi difícil", di un home.
E tamén para a defensa da comunidade durante a guerra de Independencia. A ponte foi escenario da batalla onde o pobo lograba frear o avance de Napoleón. E converteuse nun símbolo da rebelión que hoxe aínda se rememora con esta recreación histórica que cada ano se celebra na propia ponte.
"Os ingleses e os franceses aquí pegándose a base de ben, era o xeito que había de entrar e saír. Historicamente está comprobado que aquí houbo moito lío pero hoxe é unha festa", di unha veciña.
Levaban desde o 2009 da man de colectivos como Patrimonio dos Ancares reclamando esta declaración de Ben de Interese Cultural. Unha declaración que permitirá aumentar a protección, recoñecemento e conservación da infraestrutura.