Publicador de contidos

Publicador de contidos

Noite de asaltos en catro concellos da Coruña

Noite de asaltos en catro concellos da Coruña

A Garda Civil investiga roubos en polo menos unha gasolineira, un garaxe e tres locais de hostalería

G24.gal 29/10/2026 14:07

Contra a unha da mañá, os ladróns estaban no polígono industrial de Bergondo intentando roubar no servizo de lavandería.

"Nas típicas máquinas que hai de cambio de moedas nas lavanderías, malia que nesta non hai. E como non as atoparon, intentaron forzar as lavadoras, pero non houbo maneira". 

Ao pouco, as cámaras de seguridade graváronos no exterior dunha cafetería, situada a escasos metros, e onde non dubidaron en probar sorte.

"Rebentaron o cristal e levaron a caixa en cuestión de 34 segundos. Tiveron moita sorte porque neste polígono, a seguridade é moi boa", conta José Luis Calo, xerente da cafetería.

Fixéronse con 720 euros e causaron danos por valor de dous mil euros. 

Todo apunta, malia que polo momento non se sabe con certeza, que de aí marcharon cara a outra cafetería, situada na estrada que vai ao aeroporto de Alvedro, en Culleredo.

"Neste caso si que entraron porque romperon todo o cristal", explica Gabriel Casal Fernández, cristaleiro.

O propietario conta que non conseguiron levar nada. 

E sen cartos tamén marcharon da gasolineira de Sigrás, en Cambre.

"Aquí foi ás tres e media da madrugada. Romperon o cristal e levaron a caixa, pero estaba baleira", relata César Rondó, empregado da gasolineira.

Unha importante vaga de roubos esta madrugada, que semella que non é un caso illado.

"Mañá complicada e semana complicada tamén. Levamos meses de roubos porque non deixan de entrar nos locais", engade Casal Fernández.

Esta madrugada, os delincuentes roubaron tamén nun garaxe privado de Bergondo e, en polo menos un local de hostalería de Oleiros. A Garda Civil xa abriu unha investigación para esclarecer se detrás de todos estes asaltos están as mesmas persoas para, tamén, poder prendelas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade