Netanyahu, mentres os EUA e Irán negocian un acordo de paz: "A campaña non rematou"
Asegura que Israel conseguiu "logros históricos" fronte a Irán, pero que ten "máis que facer"
Israel continúa cos ataques no Líbano malia os primeiros contactos para o cesamento do fogo
Benjamin Netanyahu, nunha comparecencia (Reuters)
O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, asegurou este sábado que "a campaña aínda non terminou" nunha comparecencia na que abordou a guerra en Oriente Medio, emitida cando Estados Unidos e Irán negocian un acordo de paz en Islamabad.
Afirmou que, con todo, Israel conseguiu "logros históricos" fronte a Irán, pero que ten "máis que facer" ante a República Islámica e as súas milicias aliadas na rexión.
Netanyahu asegurou que o país foi á guerra porque Irán estaba "moi preto de conseguir a arma nuclear", algo que xa afirmou cando Israel iniciou a escalada de doce días de xuño de 2025, e defendeu conseguir evitalo a través destas dúas campañas militases.
"Tivemos éxito en esmagar o seu programa nuclear, en esmagar o seu programa de mísiles", afirmou Netanyahu, quen asegurou tamén que Israel matou aos doce principais científicos nucleares iranianos.
En distintas declaracións ao longo desta última guerra, as forzas armadas de Israel afirmaron que deron inicio á ofensiva o 28 de febreiro (e non no verán, como estaba previsto) pola posibilidade de matar o líder supremo iraniano, Alí Jameneí.
Netanyahu falou diante dun mapa que mostraba en vermello Irán e os territorios nos que se atopan as súas milicias aliadas: a Resistencia Islámica de Iraq, os grupos xiítas de Siria, os hutíes do Iemen, Hezbollah no Líbano e Hamas en Gaza. O mapa excluía o territorio palestino de Cisxordania, e metíao dentro de Israel.
Respecto a eles, o primeiro ministro israelí alardeou das "zonas de seguridade" creadas polo seu Exército en Siria, o Líbano e a Franxa de Gaza, en referencia aos perímetros que ocupa militarmente nestes territorios alegando motivos de seguridade para Israel.
Prometeu "lidar" con Hamas en Gaza e aseverou que Israel segue combatendo contra Hezbollah.
Aínda que Paquistán anunciou que o Líbano está incluído na tregua con Irán, Netanyahu négao e as forzas armadas israelís continuaron bombardeándoo.
Tamén anunciou que o Exército israelí destruíu un almacén que contiña 150.000 mísiles e foguetes de Hezbollah no Líbano.
Negociacións co Líbano
Sobre as negociacións aprobadas co Líbano para cesar os ataques, afirmou que Israel impón dúas condicións: o desarmamento de Hezbollah e "un acordo de paz real" que dure xeracións.
"Non é só Líbano quen se achega a nós. Moitos outros países, tanto en Oriente Medio como noutras rexións, están a recorrer á cooperación e ás alianzas. Ven a nosa fortaleza. E a fortaleza únenos, así como a debilidade nos afasta", subliñou.