Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha potente riada entre O Nepal e O Tíbet deixa polo menos 160 mortos e 900 desaparecidos

Unha potente riada entre O Nepal e O Tíbet deixa polo menos 160 mortos e 900 desaparecidos

O ministerio de Exteriores di que non constan españois afectados pola traxedia

Os primeiros indicios apuntan a que un terremoto tería provocado un gran desprendemento de terra que bloqueou o leito dun río en territorio tibetano, antes de que a acumulación de auga desencadease a crecida

G24.gal 26/08/2026 16:48 Última actualización 26/08/2026 23:10

Polo menos 160 persoas morreron e 900 permanecían desaparecidas ou sen contacto este mércores despois de que violentas inundacións repentinas golpeasen os dous lados da fronteira entre Nepal e o Tíbet (China), arrastrando pontes, cortando estradas e danando infraestruturas hidroeléctricas.

A maior parte das vítimas confirmadas ata agora concéntrase no Nepal, onde a Oficina do Primeiro Ministro informou da recuperación de 160 cadáveres.

Nesta zona hai ademais uns 700 desaparecidos.

As autoridades continuaban recompilando información para determinar o alcance definitivo das perdas humanas.

Aínda que inicialmente se falou de dous turistas españois desaparecidos, o ministerio de Exteriores di que non hai constancia de ningún español afectado pola traxedia.

A riada golpeou con especial forza o distrito de Rasuwa, no norte de Nepal, onde a masa de auga alcanzou a primeira hora do mércores as localidades de Timure, Rasuwagadhi e Syabrubesi, xunto a un dos principais pasos terrestres cara ao Tíbet.

O desastre danou polo menos 19 pontes transitables e uns 40 quilómetros de estradas, ademais de proxectos hidroeléctricos e outras infraestruturas, o que dificultou o acceso dos equipos de rescate a algunhas das zonas afectadas.

O ministro de Asuntos Exteriores de Nepal, Shishir Khanal, sinalou que os primeiros indicios apuntan a que un terremoto rexistrado pola mañá tería provocado un gran desprendemento de terra que bloqueou temporalmente o leito do río en territorio tibetano, antes de que a acumulación de auga desencadease a crecida.

O Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos (USGS) rexistrou un sismo de magnitude 4,4 na zona tibetana próxima á fronteira con Nepal, a unha profundidade de 10 quilómetros e con epicentro a uns 77 quilómetros ao nor-noroeste da localidade nepalesa de Kodari.

O Goberno nepalés declarou durante tres meses zona de desastre as áreas afectadas e ordenou mobilizar helicópteros militares e privados para as operacións de busca e rescate, ademais de proporcionar atención médica gratuíta aos feridos e acelerar a restauración de estradas, electricidade e telecomunicacións.

Ao outro lado da fronteira, as autoridades chinesas informaron de polo menos tres mortos e 265 desaparecidos no condado tibetano de Gyirong, segundo un primeiro balance difundido polo medio estatal CCTV.

O número concreto de falecidos e feridos segue baixo verificación mentres continuan as operacións de busca e rescate.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade