Negreira celebra o Cristobaliño, o seu popular entroido de verán
Un dos atractivos principais deste entroido de verán é a súa festa de auga
O evento remata coa actuación de artistas recoñecidos, como Coyote Dax, Lucrecia ou Kike Varela.
Se algo caracteriza esta temporada estival, ademais da calor, son as festas. E hoxe Negreira vístese de gala porque se celebra unha nova edición do Cristobaliño, o seu popular entroido de verán.
"É unha festa que comezou hai tres anos para intentar levantar un pouco a movida de Negreira e para facer gozar á xente e aos rapaces, con moitas actividades", conta un dos asistentes.
Un dos atractivos principais deste entroido de verán é, sen dúbida, a súa festa de auga. Aquí voan milleiros e milleiros de litros polo aire e ninguén marcha seco para a casa.
"Aquí caen capachos dende onde non o esperas", asegura unha das asistentes.
E a calor acompañou, algo que agradeceron todos os seus asistentes.
"Como diría Pemán, o tempo non está mal nin ben, está perfecto", comenta unha das persoas presentes.
Pero esta non é a única actividade que se celebra neste evento. Tamén hai un desfile con pasarrúas, a Mekánika Rolling Band, un concurso de playback e unha festa á noite, con artistas como Coyote Dax, Lucrecia, Kike Varela ou Mega CDC.