Publicador de contidos
Publicador de contidos

Negan o uso de fondos para a violencia machista nunha cea de mulleres en Cerdedo-Cotobade

Negan o uso de fondos para a violencia machista nunha cea de mulleres en Cerdedo-Cotobade

A Federación pola Igualdade das Mulleres explicou que cada asistente paga a súa cota

G24.gal 29/03/2024 15:44

A presidenta da Federación pola Igualdade das Mulleres da provincia de Pontevedra (Femupo), Raquel Touriño, negou que a organización dunha cea festiva, o próximo mes de maio no concello de Cerdedo-Cotobade, se sufrague con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Ao preguntarlle sobre a apertura dunha investigación por parte do Ministerio de Igualdade para pescudar se se dedicou diñeiro público á celebración deste evento, a presidenta da citada federación negouno e explicou que cada asistente paga a súa cota de participación.

A presidenta de Femupo achacou a "un erro" o feito de que no cartel da cea aparezan os logos do Pacto de Estado, do Ministerio de Igualdade e do Goberno de España, así como da Xunta e do propio concello de Cerdedo-Cotobade.

O evento, afirmou, "non se sufraga nin con fondos do Estado nin con fondos da Xunta, o diñeiro público está para axudar as mulleres e iso é o que vimos facendo desde fai cinco anos con resultados que están aí, visibles, e cunha memoria de actividades impolutas e impecables", asegurou.

"O Ministerio de Igualdade poderá investigar todo o que considere oportuno", destacou a presidenta de Femupo.

Explicou que a organización da cea é unha actividade máis das "moitísimas" que realiza este colectivo "para reunir as mulleres, sobre todo do rural, que están illadas e que ás veces non teñen oportunidade nin capacidade de xuntarse e gozar dun intre xuntas".

Ademais, expresou a súa sorpresa ante a reacción do Ministerio de Igualdade, que anunciou que se se constata que a cea se financia con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero retirarase de forma inmediata esta asignación e chegarase "ata as últimas consecuencias" para frear estas prácticas.

Raquel Touriño dixo que, tras a polémica creada, as responsables da Federación pola Igualdade das Mulleres da provincia de Pontevedra asumen a súa responsabilidade e evidentemente retirarán os logotipos do cartel anunciador.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade