Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nava Castro: "O peregrino representa dous terzos do gasto dos turistas"

Nava Castro: "O peregrino representa dous terzos do gasto dos turistas"

A directora de Turismo de Galicia lembra que van deixando ingresos "en todos os concellos polos que transcorre o Camiño"

Congratúlase de que Galicia subira ao sétimo posto na lista española dos destinos vacacionais máis demandados

G24.gal 19/02/2023 12:44 Última actualización 19/02/2023 14:05

Dous terzos dos ingresos que reporta o turismo en Galicia veñen da man das persoas que fan o Camiño de Santiago. Asegurouno a directora de Turismo da comunidade, que confía en volver superar marcas no vindeiro ano santo.

No informativo Bos Días da Televisión de Galicia, Nava Castro fixo balance dun Xacobeo que pechou con marcas históricas: 6.500.000 visitantes e máis de 438.000 compostelas entregadas.

Segundo dixo, a axencia traballa na adaptación do Camiño a novos perfís (familias con menores, xente que viaxa con mascotas...) co obxectivo de manter o tirón e mesmo incrementar as cifras en 2027.

"O peregrino representa dous terzos do gasto de turista, aínda que a xente crea o contrario. Porque eles son os que comezan as etapas e van deixando os gastos en todos os concellos polos que transcorre o camiño".

Sétimo posto

A directora congratulouse de que Galicia subira ao sétimo posto na lista española dos destinos vacacionais máis demandados.

"Despois deses destinos maduros, os de sol e praia como as Baleares, as Canarias, Valencia, Andalucía e Cataluña; e Madrid, como capital; o seguinte somos nós".

Asegurou, porén, que buscan fortalecer o sector, mantendo varias premisas. 

"Dunha maneira tranquila, non masificada e cunha atención de calidade a todas as persoas que nos visitan".

Tamén lembrou que este é un ano de celebracións: cúmprese o 30 aniversario do primeiro Xacobeo e o 30 aniversario da declaración do Camiño Francés como patrimonio mundial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade