Nancy Pelosi, expresidenta da cámara baixa dos EUA, anuncia a retirada
A demócrata, de 85 anos, e despois de 40 en política, non se presentará ás eleccións lexislativas do ano que vén
Foi a única muller que presidiu a Cámara de Representantes do Congreso dos Estados Unidos
O expresidente Biden entregoulle a Pelosi a Medalla Presidencial da Liberdade en 2024. Reuters
A expresidenta da Cámara de Representantes do Congreso dos Estados Unidos Nancy Pelosi, unha das figuras chave do Partido Demócrata, anunciou este xoves que despois de case 40 anos na política non buscará a reelección ao finalizar o seu mandato congresional en xaneiro de 2027.
"Non me presentarei á reelección ao Congreso. (...) Con gratitude, espero con ilusión o meu último ano de servizo como a súa orgullosa representante", dixo Pelosi, de 85 anos, nun emotivo vídeo publicado en redes, visto como unha carta de amor e agradecemento á cidade San Francisco, que representou por décadas no Capitolio.
Pelosi, a primeira e ata o de agora única muller en ser elixida como presidenta da cámara baixa estadounidense, despexou as dúbidas sobre o seu futuro despois de semanas de especulación sobre se a veterana política, respectada tanto por demócratas como por republicanos, anunciaría a súa campaña ás eleccións lexislativas de 2026.
Na súa mensaxe, Pelosi insistiu en que quería que os habitantes de San Francisco fosen os primeiros en coñecer a súa decisión.
"Sempre llelo digo aos meus colegas da Cámara de Representantes, sen importar o título que me outorgaran —presidenta, líder, coordinadora da bancada—, que non houbo maior honra para min que estar no pleno da cámara e dicir: ‘Falo en nome do pobo de San Francisco'", indicou.
Con vistas a un futuro en que San Francisco -do mesmo xeito que outras cidades no bastión demócrata de California- podería enfrontar aínda máis presión do presidente respublicano Donald Trump, Pelosi chamou a lembrar a poderosa historia da urbe.
"San Francisco, recoñece o teu poder. Fixemos historia. Progresamos. Sempre lideramos o camiño, e agora debemos seguir facéndoo participando plenamente na nosa democracia e loitando polos ideais estadounidenses que tanto apreciamos", pediu.
Elixida por primeira vez como representante ao Congreso en 1987, Pelosi fixo historia 20 anos despois ao converterse na primeira muller presidenta da Cámara de Representantes, cargo que volveu ocupar en 2019, durante o primeiro mandato de Trump, co que protagonizou soados desencontros públicos. Un dos episodios máis lembrados da súa carreira foi o seu papel na condena e xuízo político contra o mandatario estadounidense tras o ataque ao Capitolio, o 6 de xaneiro de 2021.
Pelosi foi unha das voces críticas máis duras contra o presidente, ao que responsabilizou polo inédito asalto dos seus simpatizantes á sede do lexislativo. A pesar de anunciar que se retiraría do liderado demócrata na Cámara en novembro do 2022, a súa influencia non diminuíu, e moitos vena aínda como unha das voces máis influentes do seu partido.