Publicador de contidos

Publicador de contidos

Músicos de corenta países participan no IX Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo

Músicos de corenta países participan no IX Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo

O concurso celébrase no Conservatorio Superior de Música de Vigo ata o vindeiro martes

Participan máis de 80 músicos, que terán a oportunidade de tocar no piano de cola Shigeru Kawai, un instrumento feito nun taller do Xapón alcumado "o excelente" que adoran moitos pianistas clásicos

G24.gal 20/04/2025 21:30

No Conservatorio Superior de Música de Vigo estase celebrando, ata o vindeiro martes, o noveno Concurso Internacional de piano con artistas de gran talento chegados de corenta países. E aínda que sexa unha competición de pianistas que está por decidir, a cita é unha boa oportunidade para escoitar música clásica esta Semana Santa. 

No escenario do Auditorio Martín Códax do Conservatorio de Vigo hai un piano de cola Shigeru Kawai, un instrumento feito nun taller do Xapón alcumado "o excelente", que adoran moitos pianistas clásicos. Os máis de oitenta participantes próbano antes de concursar. Fronte a el este xurado de pianistas brillantes. O presidente é o ferrolán Pablo Galdo, concertista internacional, catedrático do Conservatorio Superior de Navarra e director artístico da asociación de Música Clásica de Galicia. 

"Aínda que todos temos gustos diferentes hai participantes que destacan especialmente. Pero maioritariamente os concursantes que veñen a este concurso están nun nivel moi alto, e poden afrontar calquera repertorio. Sempre é o momento ideal para escoitar música, sempre que a xente queira escoitar música. Este concurso é unha oportunidade ideal para ter esa oportunidade e creo que é un luxo", conta a TVG Pablo Galdo, pianista e presidente do xurado.

Os concursantes, ante o público e ante o xurado, tocan un máximo de doce minutos por interpretación.  Escollen o repertorio libremente e nesa selección está xa parte do éxito. O premio do concurso é de 17.000 euros.

"Canto maior premio económico máis nivel haberá. Pero si que é certo que non é o máis valioso a nivel persoal. Máis que de expoñerse ao público, de expoñerse a esa sensación incómoda de nervios. Eu, por exemplo, síntome bastante nervioso sempre antes de calquera actuación. Pero a iso vaise acostumando pouco a pouco o corpo. Pero obviamente si que hai algo de liberdade e de expresión artística. Se non, se fora todo medo e mal non estariamos aquí", relata sincero Alberto Abengózar, un dos poucos pianistas españois que está no concurso e que é xa finalista.

E aquí, este domingo escoitamos a Chopin, a Bach, a Rachmaninoff, a Lisz. E ata o martes, o día da final, os amantes do piano poden seguir desfrutando destes clásicos.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade