A Xunta pídelle ao Ministerio de Cultura o mecanoscrito de 'La colmena' achado en Alcalá
O obxectivo é que pase a formar parte da colección conservada na sede da fundación en Padrón
Esa herdanza está composta por coleccións heteroxéneas que falan do devir social e cultural da España da segunda metade do século XX
A Xunta solicitou ao Ministerio de Cultura o depósito do mecanoscrito de 'La colmena' atopado no Arquivo Xeral da Administración en Alcalá de Henares, na Fundación Camilo José Cela, segundo informou este venres a Consellería de Cultura. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tamén en calidade de presidente do padroado da Fundación Pública Camilo José Cela, escribiu unha carta neste sentido ao ministro de Cultura, Ernest Urtasun.
O obxectivo é que o mecanoscrito pase a formar parte da colección conservada na sede da fundación en Padrón para "velar polo cumprimento dos desexos do premio Nobel de Literatura de que o seu legado permanecese unido", sinala a consellería.
Na carta exprésase a disposición da Xunta para que o documento, enviado polo autor á censura en 1946, poida pasar a formar parte do propio manuscrito da obra, que foi doado por Cela á fundación, e que desde 2012 é patrimonio inmaterial do pobo galego. A Xunta solicita poder salvagardar de maneira conxunta "un dos legados literarios do autor máis importantes do mundo", como sinalou o profesor e académico Darío Villanueva, experto na obra de Cela.
Esa herdanza está composta por coleccións heteroxéneas e de gran valor cultural, que permiten coñecer o escritor, pero tamén o devir social e cultural da España da segunda metade do século XX.
Entre outras referencias, contén os manuscritos das súas 14 novelas publicadas, así como 52 de obra menor, ademais dunha biblioteca de máis de 60.000 monografías e unha hemeroteca de máis de 42.000 exemplares de publicacións periódicas.