Publicador de contidos

Publicador de contidos

Multiplícanse as iniciativas solidarias cos afectados polo lume

Multiplícanse as iniciativas solidarias cos afectados polo lume

Unións Agrarias canaliza axuda para as explotacións que quedaron sen alimento

Os rexistradores da propiedade ofrecen notas simples gratuítas aos damnificados

G24.gal 21/08/2025 15:05 Última actualización 21/08/2025 20:49

Os gandeiros que queiran colaborar coas explotacións afectadas polo lume poden dirixirse a calquera das 30 oficinas de Unións Agrarias. Desde elas, estase a canalizar a súa solidariedade co obxectivo de que a forraxe chegue de xeito organizado e gradual alí onde máis se precisa.

"Tratamos de racionalizar e optimizar os recursos dos que queren dar coas necesidades dos que os teñen que recibir para evitar o peche de centos de explotacións. O máis urxente é o alimento non so do gando vacún, tamén cómpre comida para o gando ovino, caprino e apícola, que tamén sufriu de cheo o lume. Pero tamén hai que artellar mecanismos de axuda no longo prazo", explica Félix Porto, vicesecretario xeral de Unións Agrarias. 

En coordinación coa Xunta xa están a repartir os primeiros tractores de comida no macizo central ourensán. Pero desde a organización fan un chamamento para seguir colaborando nos vindeiros meses, onde seguirá facendo falta moita axuda para que os gandeiros poidan chegar a recuperar o que lles roubou o lume.

"O lume queimou tamén peches, e afectou a pozos e bebeiros de gando extensivo, ou tamén quedaron illas verdes no medio do lume que vai haber que pechar".

Outro exemplo de solidariedade chega desde o Colexio de Rexistradores da Propiedade. Como fixeron coa DANA ou co volcán da Palma axudarán a que os donos das parcelas e das casas queimadas poidan demostrar que son os titulares das mesmas.

"Facilitamos a información das propiedades a través de notas simples gratuítas, para que poidan demostrar que son os donos a efectos de pedir axudas", explica María Núñez, decana do Colexio de Rexistradores da Propiedade en Galicia.

Para verificar que as propiedades se atopan na zona afectada polos incendios e pedir a nota simple, poden consultar seu xeoportal de emerxencias. Unha ferramenta que cruza os datos do rexistro cos do satélite Copernicus, para facilitar a tramitación de indemnizacións ou seguros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade