As imprudencias co lume poden custarnos ata un millón de euros
A comunidade de montes da parroquia de San Miguel de Oia detectou un grupo de persoas que pretendía facer unha churrascada
As imprudencias co lume poden custarnos ata un millón de euros nos casos máis graves. Nos últimos días a comunidade de montes da parroquia de San Miguel de Oia detectaron un grupo de persoas que pretendía facer unha churrascada nunha das grellas que está precintada. Tiveron sorte porque o presidente da comunidade de montes non os denunciou, só os animou a que depuxesen a súa actitude.
A Garda Civil lembrou esta xornada o abano de multas que hai para estes casos van desde os 100 euros aos 1.000 nos casos menos graves e ata o millón de euros nos máis graves.
Desde marzo están prohibidas as queimas agrícolas, desde xullo non se poden facer churrascadas no monte ata finais de setembro. Tamén está prohibido no monte o uso de maquinaria agrícola que provoque faíscas.
A Xunta prohibiu a caza na provincia de Ourense. Porén, non hai veto aos fogos de artificio, que esta fin de semana provocaron un incendio na contorna do parador de Baiona.