Multan con 400.000 euros a 4 funerarias galegas polo reparto no transporte de cadáveres
A Comisión Galega da Competencia di que as empresas chegaron a acordos que constituían un "cártel" dirixido a "eliminar a competencia" e repartirse territorialmente os servizos
O pasado outubro impuxéronse senllas sacións a dúas funerarias por repartición na área de Santiago
Europa Press
A Comisión Galega da Competencia impuxo multas por un total de 407.690 euros a catro empresas funerarias por repartirse o servizo de transporte de cadáveres para o Instituto de Medicamento Legal de Galicia (Imelga) nas áreas de Vigo e Pontevedra.
A resolución, datada o 18 de agosto de 2026 e publicada este 9 de novembro, considera acreditada unha infracción continuada, tipificada como "moi grave", nas licitacións convocadas pola Xunta en 2020 e 2024.
A maior multa é para Pompas Fúnebres do Atlántico, con 175.601,19 euros, seguida de Enterros San Marcos, con 131.773,11 euros; Pompas Fúnebres de Arosa, con 73.500,64 euros; e Pompas Fúnebres Santa Tegra, con 26.815,29 euros.
As sancións equivalen ao redor do 3% do volume de negocio total de 2025 das compañías.
Segundo a Comisión Galega da Competencia, as empresas utilizaron unións temporais de empresas (UTE) para concorrer conxuntamente aos contratos a pesar de dispoñer de capacidade para competir individualmente nos lotes aos que se presentaron.
Crearon un "cártel" para repartirse territorialmemte os servizos
O organismo conclúe que os acordos constituían un "cártel" dirixido a "eliminar a competencia", así como "elevar o prezo dos servizos ao tipo máximo de licitación" e repartirse territorialmente os servizos, con asignación a cada compañía os máis próximos á súa sede, en prexuízo da Administración e dos contribuíntes.
Ademáis das multas, a resolución establece para cada empresa unha prohibición de contratar durante seis meses en licitacións públicas convocadas en Galicia correspondentes a servizos funerarios e conexos. O expediente orixinouse tras unha comunicación da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes sobre indicios de condutas anticompetitivas detectadas pola mesa de contratación no procedemento de 2024.
Multas previas a dúas de Santiago
O pasado mes de outubro, a Comisión Galega da Competencia xa impuxo senllas multas duns 70.000 e case 5.000 euros a dúas funerarias por repartición na área de Santiago dos servizos de transporte de cadáveres que requiran a práctica de autopsias, necropsias e probas de investigación forense a realizar polo Imelga.
En concreto, a infracción correspondíase cun lote de determinados expedientes de contratación e tipificábase como "moi grave".
Por iso, Pompas Fúnebres do Noroeste recibía unha sanción de 70.380,94 euros, o 2,78% do volume de negocio total en 2025 e Funeraria Casabranca foi multada con 4.863,89 euros, o 3% do seu volume de negocio ese ano.
Noutra orde de cousas, a Comisión Galega da Competencia decidiu o arquivo de varios procedementos, por "non existir indicios fundados de infracción", tras denuncias relativas a concesións de aparcadoiros en Vigo, hoteis en Lugo e unha clínica dental en Ourense.