As obras obrigan a limitar a 90 km/h a velocidade dos trens no viaduto do Ulla
Normalmente os trens poden circular por esa ponte a un máximo de 200 km/h
Son traballos previstos dende 2024 sen relación cos últimos accidentes ferroviarios
Os trens de velocidade alta cruzan amodo o río Ulla. As obras de mantemento que se están facendo no viaduto do ferrocarril entre Rianxo e Catoira obrigan ao Adif a baixar a limitación de velocidade nese punto.
Normalmente no Eixo Atlántico os trens poden circular a un máximo de 250 km/h (por iso se consideran de velocidade alta e non de alta velocidade) e, en concreto, no viaduto do Ulla a limitación está establecida en 200 Km/h. Pero agora mesmo baixou a 90 km/h. É unha medida ordinaria que non ten nada que ver cos últimos accidentes de Adamuz ou Urda.
"Moitas veces, visto dende lonxe, parece que van moito máis lento có que realmente van. Son traballos programados que está ben que se fagan porque é precisamente o que estamos demandando os traballadores, que se fagan traballos en todas as liñas", explica Inés Rodríguez Vilariño, secretaria provincial do Secxtor Ferroviario da UGT en Pontevedra.
En realidade as obras non son moi rechamantes. Hai que fixarse para velas. O máis evidente foi a instalación dunhas estruturas metálicas, coñecidas como carros, que se utilizan para poder traballar nos laterais do viaduto, na chamada celosía metálica, e tamén na parte inferior da plataforma. Ademais vanse habilitar escaleiras e accesos.
A maiores, o proxecto inclúe colocar pantallas de protección contra o vento, algo moi habitual na desembocadora do río Ulla e así evitar o risco polo efecto do vento lateral. Algo semellante ao que se nota con frecuencia ao circular en coche e pasar a carón dun camión.
Previstas dende 2024
Son obras previstas dende 2024 que son necesarias para cumprir coa obriga de inspeccionar e conservar estruturas como o viaduto do Ulla, inaugurado en 2016. Mentres se fan os traballos, os maquinistas teñen marxe para pasar, incluso, a velocidades moito máis baixas ca 90 km/h, se se cruzan con outro tren, por exemplo.
Hai que ter en conta que outros servizos, como os de mercadorías, xa pasan decote a velocidades reducidas polo viaduto do Eixo Atlántico, sobre todo cando van moi cargados e forman convois pesados.