Galicia exercerá a partir de marzo as competencias de permisos de traballo para estranxeiros
A competencia sobre aeródromos non comerciais, da que tamén se asinou hoxe o seu traspaso, será efectiva xa no mes de xaneiro
A Xunta creará unha oficina para a captación de talento para xestionar a responsabilidade na concesión das autorizacións para traballar
(EFE/Xoán Rey)
Galicia exercerá desde marzo de 2027 as competencias sobre os permisos iniciais de traballo a estranxeiros e desde xaneiro tamén do próximo ano sobre aeródromos que non son de interese xeral, segundo asinaron este xoves a Xunta e o Goberno na Comisión Mixta de Transferencias en Santiago de Compostela.
Tras a reunión deste órgano, o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacaron a boa sintonía entre as dúas administracións que permitiu negociar o traspaso destas dúas competencias.
Nunha declaración institucional no Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, Torres estes traspasos son "moi importantes na cogobernanza e a defensa do autogoberno que facemos desde o Goberno de España e tamén desde a Xunta".
Rueda tamén destacou a sintonía das dúas administracións nesta negociación: "cando hai vontade de cooperación institucional todo isto é posible".
Pola súa parte Rueda, dicía que "cremos no crecemento do autogoberno útil", e que do que se trata é da "calidade e utilidade" das competencias que se teñen.
As que hoxe asume a Xunta, en especial a dos permisos de traballo para estranxeiro, destacou o presidente da Xunta, "van contribuír a prestar máis eficazmente un servizo que neste momento é fundamental".
"Agradezo moito poder xestionar os permisos iniciais de traballo porque van ser fundamentais para reter e atraer talento de forma ordenada", dixo Alfonso Rueda, quen anunciaba a creación dunha oficina para a atracción de talento, "para ocuparnos desta nova xestión".
No que respecta aos aeródromos que non son de interese xeral trátase de 40 instalacións, pequenos aeroportos e heliportos, a maioría bases de aeronaves para o combate dos incendios forestais, pero tamén transporte sanitario e salvamento marítimo.
"Estamos falando de servizo público e seguridade", dixo Alfonso Rueda, quen tamén falaba do potencial deste sector a nivel industrial e avanzaba tamén a creación dun departamento para a súa xestión dentro da Dirección Xeral de Mobilidade.
O traspaso destas dúas novas competencias supón o segundo desde o ano 2009, data desde a que o PP goberna na Xunta.
En abril de 2025 o propio Rueda asinou co ministro Torres, tamén en Santiago, o traspaso da competencia sobre a xestión do litoral, que Galicia exerce desde o 1 de xullo dese ano.