Rego chama a concentrar o voto no BNG como o máis "útil" para Galicia
O cabeza de lista do BNG pola provincia da Coruña lembra que o seu partido "só se debe aos intereses de Galicia" e que se deles depende "o PP non vai gobernar con Vox"
O nacionalista asegurou que foron "a única forza política que colocou un paquete de medidas no acordo de investidura que permitiron cuestións importantes como a transferencia da AP-9"
O cabeza de lista do BNG ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña, Néstor Rego, fixo este xoves un chamamento a concentrar o voto na súa formación en tanto que representa "o voto útil en Galicia".
No ciclo de entrevistas preelectorais do programa Bos días de Televisión de Galicia, Rego dixo que o vindeiro 29 de novembro "está en xogo que Galicia conte na política do Estado e iso require máis forza para o BNG, a única organización que non responde a ningunha outra dirección que non sexa as necesidades do pobo galego".
O nacionalista asegurou que foron "a única forza política que colocou un paquete de medidas no acordo de investidura que permitiron cuestións importantes como a transferencia da AP9, novas bonificacións nas autoestradas, xulgados de violencia de xénero, aumento dos permisos de paternidade e maternidade, aumento dos recursos para a dependencia".
Rego tamén se detivo nos asuntos que quedaron pendentes como "unha quita da débeda de 4.000 millóns de euros, co voto en contra, por certo, do Partido Popular" e as infraestruturas ferroviarias, como a "implantanción do proximidades".
O político remarcou que o compromiso "insobornábel" do Bloque é cos" intereses de Galicia, impulsar políticas de conquista de dereitos e actuar como un muro de contención fronte ao bloque reaccionario que pretende unha involución en todos estes ámbitos": "se do BNG depende, o PP non vai gobernar con Vox".
Neste sentido, puntualizou que o anterior non significa que vaian entregar "un cheque en branco ao Partido Socialista". "Nunca o fixemos e nunca o imos facer", afirmou.
"O BNG asinou un acordo de investidura, non de lexislatura e, de feito, fomos extremadamente críticos con moitas políticas do Goberno, como o aumento do gasto militar ou cunha proposta de financiamento que era moi mala para Galicia", lembrou.
"Esa independencia de criterio é a que imos seguir mantendo, non podo dicir se votaremos a favor ou non dunha investidura, dependerá de cal sexa a proposta", abundou.
Na próxima lexislatura, o BNG quere posicionar no Congreso, segundo Rego, "a preocupación social pola carestía da vida, o aumento de prezos que afecta a alimentación e os combustibles, e que arrastra a sectores como agricultura, gandería, pesca, transporte, e sobre todo, á vivenda", así como políticas sociais e a "discriminación histórica en materia de ferrocarril, as proximidades, a modernización da liña A Coruña-Lugo, sacar do illamento a Ferrol, a conexión de Vigo coa fronteira de Portugal e un novo sistema de financiamento porque estamos perdendo co actual".
"Hai 7.000 millóns de euros de espolio na recadación que non nos podemos permitir e que suporían máis recursos para mellorar servizos públicos", asegurou.
No mapa político da esquerda, Rego erixiu o BNG como "alternativa" en Galicia, "onde o espazo político da esquerda está moi fragmentado e non vai obter representación".
"Entendemos a decepción con este Goberno que incumpriu moitos dos seus compromisos pero iso non pode significar quedar na casa porque iso é o que queren o PP e Vox: chamamos a concentrar todo o voto que quere defender o noso país no Bloque Nacionalista Galego porque desa maneira teremos máis forza en Madrid pero tamén contribuiremos a frear a dereita e a ultradereita".
"Hai que votar por convicción pero o máis útil para que Galicia conte é confiar no BNG porque ten demostrado que nunca falla e é garantía de que o imos seguir facendo", rematou.