Os partidos ultiman os preparativos para a campaña electoral
O PP adianta que será unha campaña a pé de rúa e Fronte Ampla terá a vivenda como referencia
Os populares reúnen o comité de campaña de Galicia a 25 días da cita coas urnas. Din que afrontan o camiño con ganas e forza para apoiar o seu candidato, Alberto Núñez Feijóo.
"É o momento de cambiar este goberno e dar paso a un goberno serio, con capacidade de xestión, con solvencia e con rigor", di a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
Será -din os populares- unha campaña a pé de rúa, pensando en dar resposta aos problemas dos cidadáns.
"Apostamos por falar coa xente, estar na rúa, actos sectoriais, o mar a industria, os autónomos. No PPdeG o segredo sempre é escoitar á xente", explica Paula Prado.
Unha campaña que Fronte Ampla quere centrar na vivenda. Propoñen medidas que limiten o prezo dos alugueiros e tamén o das residencias universitarias privadas.
"Pedimos toda a forza da cidadanía progresista que crea que a vivenda é un dereito para concentrar todo o voto na Fronte Ampla e poder revalidar o goberno de progreso", reclama o voceiro, Paulo Carlos López.
Un papel que reivindican dentro do actual Goberno de coalición.